• Martes, 25 de Septiembre de 2018

O valor de errar está en recoñecelo

Adoito a escoitar con atención ás persoas que tenden

Adoito a escoitar con atención ás persoas que tenden a utilizar expresións como “cos meus acertos e os meus erros”, para saber se terminan por citar algúns deles. Non soen decir ningún. Incluso se riza o rizo cando se pide “perdón por todos os erros que puidera cometer”, porque pedir disculpas por un abstracto é como querer comer gratis nun restaurante. Quedar ben a precio cero. 
As persoas que temos a honra de adicar parte da nosa vida á política, os propios partidos políticos, as organizacións e colectivos que contribúen, incluso quen informan dela e participa de maneira habitual da súa realidade, todos e todas cremos habitualmente ter a razón. Engadidamente, cremos non equivocarnos. Difícil ser tan absurdo. Non entanto é difícil observar a persoas, sexa na política ou en outra actividade vital, recoñecer un erro abertamente. E moito menos facelo no momento concreto, e non pasado o tempo que todo o cura. Cruzando o límite colocouse Rosa Díaz cando se despediu da dirección de UPyD decindo “o noso gran erro foi facer tantas cousas ben”. 
O erro mancha, leva ao fracaso, e probablemente trae tras de si a frustración de telo cometido. Cando un comete un erro o maior problema é ser consciente. Pero en política, como na vida, se cometen. O valor está en recoñecelo, en entender por que pasou e en asumir compromisos de mellora (non afirmar vagamente que “hai que mellorar”).  Por que non se recoñecen? Pois porque vivimos nun mundo que penaliza o error brutalmente. Do mesmo xeito que resulta moi extraño que un partido político recoñeza un acerto a outro, é inevitable que cada posible erro sexa ferozmente criticado. Incluso, ou especialmente, polos propios, pois non hai xuíz mais duro que o máis próximo.
O medo a equivocarse atenaza, impide ser totalmente libre de raciocinio, e provoca incertidume e fatalidade. Probablemente en moitas ocasións o medo a errar provoca erros. É por iso que resulta imprescindible que estes tempos que se din de nova política traian consigo novas formas. Que se poida recoñecer os acertos de outros, que se poidan recoñecer os erros e que a política adquira algo de comprensión de que a actividade humana, canto máis importante, máis humana é. E a política é imperfecta porque as persoas o somos. Deberamos todos e todas comprometer o noso esforzo a comprender ao outro, para poder comprendernos mellor a nos mesmos e poder construír. Deberamos ter menos medo ao titular do día seguinte, e menos medo a unha crítica que, polo de momento, hai que ser conscientes de que existirá fagamos as cousas dunha maneira ou outra. 
Como se di habitualmente en termos futboleros, tan de moda recentemente, so erra o penalti o que o tira. Precisamos persoas valentes en política, e por iso debemos asumir que parte das súas decisións poden ser erros. Machacalos por elo será pegarnos un tiro no pé, porque dispararemos a todo o bo que tamén poden contribuír. E porque probablemente nós mesmos non o faríamos mellor, ou se cadra xa o estamos facendo peor. 
En definitiva, a mellor maneira de evitar un erro futuro é recoñecer os erros presentes. Fíense de quen pareza imperfecto e saiba recoñecelo. Non lles estará mentindo. E, ademáis, estará asumindo as súas debilidades. Poucos xestos hai tan importantes, non deberíamos desperdicialos.