Veletas en campaña

a voz de Iván Ferreiro cantaban Los Piratas aquelo de “…promesas que no valen nada. Palabras que se perderán en estas cuatro paredes”. Ademáis de tantas historias de idas e voltas de parellas de verán, ou de inverno, de amores e desamores, serviría tamén a canción para describir a algún (ou varios) políticos que falan por non estar calados.
Comezan as campañas. Dúas, esta vez, e seguidas, que terminarán por decidir a Presidencia do Goberno e tamén Alcaldes e Alcaldesas. Son campañas que levan funcionando meses, dende que empezou o ano como mínimo. Vivimos unha precampaña electoral permanente. Isto leva a escoitar un número case infinito de ideas e propostas. Algunhas feitas co convencemento de ser levadas a cabo, como baixar o salario mínimo, desmontar o sistema de pensións, limitar os dereitos das mulleres e outras preocupantes suxestións. Noutros casos escoitaranse propostas desbocadas, irrealizables, imposibles e feitas co único fin de quedar ben con uns ou con outros, aínda que se prometa unha cousa a un veciño e a contrario ao veciño de enfrente.
Somos libres de elexir, e iso é un luxo que debemos preservar. Pero, ademáis deso, debemos mellorar a nosa política. É tarefa de todos esixir que ninguén nos tome por tonto, que aqueles que solicitan algo tan importante como a confianza dos cidadáns o fagan con seriedade. Quen participamos de maneira activa no exercicio da política temos moitísima tarefa en facer desta labor algo respetable, crible, confiable. Pero calquera persoa, vostede que está lendo isto, ten tamén a súa pequena parte de responsabilidade. A que pasa por ser crítico. Esa responsabilidade que temos todos debera levar aos políticos de veleta a sentirse sinalados e esixidos.
Agardo que a campaña sirva para atopar a resposta que cada un busque. Pero que tamén sirva para que camiñemos a unha política mellor, sen charlatáns e sen sorrisas impostadas que fan subir o pan cada vez que lle poñen un micrófono diante.

Veletas en campaña

Te puede interesar