Xóvenes vellos e vellos xóvenes

Decía Salvador Allende que “hai xóvenes vellos e vellos xóvenes, e entre estes últimos me atopo eu”. Brillantemente, como tantas cousas que fixo Allende, puxo o dedo nun debate falaz e sempre interesado que se da dende tempos inmemoriais, como é a cuestión xeracional na política.
Moitas máis veces das que se debera a política vive un furor renovador que se encamiña, case sempre de maneira irremediable, a unha cuestión de idade. Como se ser maior que outro fora un problema, ou como se ser novo fora unha virtude. Se nalgún momento alguén cree que a idade é unha vantaxe, así en abstracto, erra. Ser novo ten aspectos positivos, e non selo ten outros, e viceversa coas cuestións negativas. Pero poñer en valor a idade como elemento principal da proposta política é desenfocar. Durante moitas ocasións os que somos, ou fumos, máis novos en política tivemos que defender que non era un problema. Nada se me ocurre máis apropiado que facelo dende a idea de que a idade non é un factor decisivo. Apropiarse dun valor efímero, como a xuventude, supón renunciar a facelo sobre as ideas, propostas e proxectos reais. 
Volvendo a Allende e á súa afirmación, pregúntome se son máis vellos Manuela Carmena, Josep Borrel ou Pepe Mujica que Matteo Salvini, Pablo Casado ou Sebastian Kurz. Recoñezo nos primeiros máis afán transformador e maior entendemento da transversalidade que nos segundos, representantes da reacción máis clásica e protectores de valores vetustos. Resulta a idade un valor definitorio sobre a capacidade en política? En absoluto. 
As ansias de renovación virán, moitas veces, defendidas polos que queren renovar ata chegar, e polos que descartan a outros antes de saberse se eles mesmos propoñen algo novo. Sinalar a un líder pola súa idade será sempre un menoscabo das súas propostas, polo que todo valor que se atribúa á idade é necesario amparalo cos proxectos e formas que representen a frescura, creatividade, flexibilidade e capacidade de adaptación que si son o que queremos destacar.
Allende, ao final, tiña razón. Como case sempre. Porque nada hai máis perigoso que erixir en representantes do novo aos “viejunos” que nada novo traen. A fin de contas, a xuventude é un valor que se cura co tempo, pero non hai tempo que poida contra as boas ideas e a forza da convicción. Teña a idade que teña.
 

Xóvenes vellos e vellos xóvenes

Te puede interesar