Polígono sen molestias

ibeira carece de chan industrial onde asentar empresas e industrias, unha carencia a resolver, pois debemos ter espazo para as empresas que desexen ampliarse ou instalarse no municipio, mais debemos facelo con cabeza e sen causar problemas.
Desde que son concelleiro vin como o goberno local presentou até 4 localizacións diferentes para crear novo chan industrial; ampliación cara o hospital, desbotado polo grande impacto visual que tería, motivo polo que tamén se desbotan dous emprazamentos por riba da autovía e o cuarto emprazamento era o famoso polígono con forma de peixe, que pretendían facer desde as terras de lambraza da Carballa até pegalo ás casas de Figueirido.
Todos estes posíbeis polígonos tiñan eivas comúns como eran a imposibilidade de seren ampliados no futuro e a falta de saneamento. Como é posíbel que se proxecten zonas industriais que non van poder ampliarse? Nuns anos teríamos que voltar andar na procura doutra localización e ir diseminando minipolígonos por todo o concello. É responsábel que o goberno nos dixera que co saneamento e a depuración de residuos xa verían que facer?
Pois ben, a última proposta foi a pretensión de poñelo entre os lugares de Cudieiros, A Carballa e Lixó, este emprazamento é nefasto, pois afectaría á veciñanza destes lugares cuxas vivendas quedarían a escasos metros das naves industriais, tendo que soportar cheiros, tránsito de camións, ruídos...
Alén da molestia para a veciñanza, veríanse afectados numerosos corredores ecolóxicos formados por regatos, ríos e bosque de ribeira. Tamén se vería afectado o patrimonio do lugar con 7 muíños antigos e o hórreo centenario máis grande de Palmeira.
Que facemos entón? No Bloque temos o costume de sermos rigorosos no noso traballo e por iso estamos de acordo coa opción que propón a veciñanza e que o goberno vai tomar en consideración. A zona proposta casualmente é unha que linda coa dun famoso proxecto que o PP gardou nun caixón, o do macropolígono comarcal da Barbanza -proxectado polas Consallarías de Vivenda e Industria que dirixía o BNG cando estivo na Xunta-. Semella que todo o que nos contaba o PP de que executar ese proxecto era inviábel e imposíbel, pouco menos que intentar converter a auga en ouro, era mentira. Resulta que si se podía e se pode, entón por que non se fixo até agora? Que teñan o valor de dicirlle ao empresariado que tanto leva agardado que foi por desquite político.
No BNG queremos que se deixe de marear, queremos chan industrial, pero non de calquera xeito, querémolo sen molestias para a veciñanza, coa mínima afección ambiental e con servizos tan básicos como saneamento e depuración.

Polígono sen molestias

Te puede interesar