AÍ VEN O MAIO!

Hoxe, Primeiro de Maio, os vilagarciáns, igual que todos os españois e demais cidadáns de esta “aldea” global que é o mundo celebramos o Día Internacional do Traballador. Parece mentira que pasados tantos anos aínda teñamos que seguir manifestándonos por dereitos recoñecidos na nosa Constitución. Pero así é e por iso este mediodía participarei xunto cos meus compañeiros traballadores nos actos reivindicativos medidas contra a pobreza salarial e social. 
Ademais desto, e das xestas,  flores e fiunchos, o 1 de maio tamén me trae á cabeza a inminente campaña da declaración da Renda, algo que lamentablemente amedrenta a moitos; seguro que aos que menos debera! 
Pasamos do dereito (e deber) ao Traballo (art. 31 da CE) ao deber de colaborar co fisco. O artigo 31 da nosa Constitución di “Todos contribuirán ao sostemento dos gastos públicos de acordo coa súa capacidade económica mediante un sistema tributario xusto inspirado nos principios de igualdade e progresividade”.
Un sistema tributario Xusto, inspirado nos principios de Igualdade e Progresividade. Quedémonos con isto, porque é a base do modelo que o goberno socialista de Vilagarcía está seguindo. Do último exemplo dimos conta a pasada fin de semana cando informamos sobre a inspección realizada ás grandes compañías enerxéticas e de telecomunicacións pola taxa de ocupación do dominio público que nos permitiu ingresar 241.735 euros que por circunstancias diversas deixaran de abonar ao Concello.
Vimos de anos de recortes a nivel estatal e local que incidiron negativamente na prestación de servizos, na calidade dos mesmos e tamén en falta de investimentos para o mantemento de infraestruturas básicas, co conseguinte deterioro das mesmas. Quen gobernou no anterior mandato optou por dar máis importancia ao números que ás persoas. Co afán de mellorar as contas da facenda local promoveu unha revisión catastral – catastrazo- que sacudiu os petos da inmensa maioría dos vilagarciáns e que afectou sobre maneira a aquelas familias, veciños e propietarios que peor estaban soportando a crise.
Si, claro. Ese é un xeito de aumentar os ingresos do Concello. Pero é un modelo que este goberno socialista non comparte e do que se alonxa diametralmente. E o digo eu, que son Concelleira de Facenda. Nós antepoñemos ante calquera outra cousa o benestar dos nosos cidadáns, que bastante tiveron que cinguir o cinto cando viron incrementados indiscriminadamente os impostos, reducíronse os seus ingresos, quedaron no paro, sufriron a baixada das pensións, tiveron que empezar a pagar mediciñas e a piques estiveron de perder as súas casas por non poder pagar hipotecas ou alugueres.
Nós somos plenamente respectuosos co espírito do artigo 31 da CE, porque cremos nel. E si di que “Todos contribuirán ao sostemenento dos gastos públicos” a nosa obriga é facerlle entender ás grandes compañías que nese “TODOS” tamén entran eles. E que ademais, tócalles facelo “de acordo coa súa capacidade económica”, é dicir, segundo marca a nosa taxa, na proporción do 1,5% dos seus ingresos facturados. 
Porque cremos nun “sistema tributario xusto inspirado nos principios de igualdade e progresividade”  iniciamos xa este ano a redución do IBI, que seguirá minorándose nos vindeiros 3 anos, para paliar os nefastos efectos que o catastrazo do PP tivo nos vilagarcián;  potenciamos o sistema de bonificacións pensando sempre en favorecer ás persoas e familias que máis o precisan, como por exemplo, elevando ata o máximo legal permitido a redución das taxas de auga e lixo a preceptores da Risga, Prepaga ou Rendas de inserción. E pensando en dar na necesaria creación de emprego, duplicamos a bonificación do IAE que pagan as empresas naqueles casos nos que creen novos postos de traballo.
Pero non só no xeito de mellorar a nosa xestión recadatoria separámonos do goberno do PP.  A diferenza principal é a finalidade social que se lle dará a eses ingresos. Porque como xa anunciamos, os 241.735 euros resultantes da inspección ás grandes compañías enerxéticas e de telecomunicacións destinaranse a medidas e políticas sociais, de creación de emprego e fomento da economía local. E a iso hai que sumarle medidas sociais como o convenio que o Concello asinou con Gas Natural-Fenosa para que non lle corten luz e gas a vecinos de Vilagarcía que non poidan pagalo e estean tramitando axudas de emerxencia, e o acordó similar que se está xestionando con Espina e Delfín polo subministro de auga.
E a cousa non queda aí. No que resta de mandato continuaremos traballando para acadar o máximo nivel dese “sistema tributario xusto inspirado nos principios de igualdade y progresividade”. A labor xa comezou coa creación da Comisión de revisión das Ordenanzas Fiscais Municipais, un grupo de traballo no que dimos cabida a todos os grupos da Corporación, porque consideramos que isto é cousa de todos, e no cal esperamos unha colaboración total e construtiva.
En fin… que aínda que todos os camiños conducen a Roma, nós queremos ir polo menos pedregoso para que os que,  por necesidade, camiñan descalzos, non sufran máis do necesario.
Que teñades un bo Primeiro de Maio.
*Concelleira de Facenda Vilagarcía

AÍ VEN O MAIO!

Te puede interesar