OPTIMISMO SUICIDA

Dende o Goberno e a Xunta danse os datos económicos e de descenso do desemprego como un éxito, cun optimismo que raia o esperpéntico, dado que a situación internacional é moi volátil, a economía China estase desacelerando, coa de América Latina practicamente estancada, e cos tratados de libre comercio contribuíndo a centralizar a concentrar a riqueza e o poder aceleradamente. Por se non abondase, a UE non é quen de dar resposta á riada de refuxiados e emigrantes, causados por guerras nas que ten responsabilidades, aínda que sexa por calar ou arroupar as intervencións de Estados Unidos e as accións de matón de barrio de Israel. 
Máis do 50% dos contratos son a tempo parcial, seguen medrando a eventualidade e baixando os salarios. Nunca, dende hai moitas décadas, as condicións de traballo estiveron tan degradadas, co agravante de que o Goberno considera esta unha situación normal, e a patronal e o BCE esixen que se manteña a tendencia. 
Ademais, se analizamos a lexislatura de Rajoy, os números amosan que hai menos persoas ocupadas, malia a queda da taxa de desemprego, e que a poboación activa recuou en 100.000 persoas. Motivos: a emigración, especialmente da mocidade, coas graves consecuencias que isto ten para o país, o retorno de inmigrantes, e o desalento de moitas persoas que non atopan traballo e deixan de procuralo. En poucas palabras, o xeración de emprego está inflada polo factor estatístico, mais en xornada a tempo completo é inferior ao que se predica dende o Goberno e a Xunta.
Hai moitas incertezas como para cantar vitoria, polo que o medre do PIB e do emprego ten moito de conxuntural: prezo do petróleo, valor do euro, crecemento do turismo pola situación dalgúns competidores, flexibilidade cuantitativa do BCE, aumento do gasto público a conta do déficit, mentres que a Comisión olla transitoriamente cara outro lado, para “axudar aos seus” nas vindeiras eleccións. O dito, un medre con alicerces moi frouxos, e nalgúns casos hipotecas para o futuro. 
O máis preocupante é que as políticas futuras sigan en función das corporacións, e non das maiorías sociais, a non ser aumentar a esmola nos casos máis impactantes.

OPTIMISMO SUICIDA

Te puede interesar