O VALOR DA LOITA

Rematou o conflito de Albada, empresa que xestiona a planta de residuos de Nostián. É unha boa nova para os habitantes da Coruña e bisbarra, especialmente para a clase obreira, porque a folga terminou coa readmisión dos despedimentos e renunciando a empresa a  rebaixar os salarios nun 25%. Foron 108 días de folga en cinco meses de conflito, e duas xornadas de paro do sector en solidariedade. Non chegaron aos 121 días que durou a folga de Transportes La Unión en 2001, mais ficamos noutro momento histórico, e neste contexto esta é unha loita que se debe caracterizar como exemplar, de dignidade obreira. Renunciar aos necesarios ingresos hoxe para garantilos mañá e defender solidariamente a compañeiros despedidos merece respecto e amosa coherencia sindical. Este conflito tamén deixa ensinanzas para toda a clase traballadora, como aconteceu co de La Unión, a folga do metal en Pontevedra ou da recollida do lixo na Mancomunidade de Xinzo. Destacaría: que mesmo na situación máis difícil, unha loita nunca está perdida, que o día seguinte pode ser o da vitoria, mesmo que non se acaden todos os aspectos económicos, porque a resistencia é un muro contra as medidas regresivas actuais ou futuras. Lembremos que esfarelar a unidade obreira, derrotar os sindicatos, amosar como imposíbel toda reclamación por máis xusta que sexa, criminalizar as reivindicacións e reducir os ámbitos de protesta, son parte da estratexia da globalización neoliberal. Todo indica que a punta de lanza para rebaixar as condicións laborais (encetando polos salarios), non está exclusivamente nas empresas privadas que deslocalizan produción, senón tamén, malia que pareza mentira, naquelas que xestionan servizos públicos. Unha regresión que non afecta ás grandes empresas que teñen un mercado mundial, mais que afoga as pequenas ao reducir o consumo interno. Agora ben, isto acontece alí onde goberna a dereita, reflectindo o grao de complicidade existente entre esta e a gran patronal en relación a quen, como e cando aplicar o axuste co obxectivo de saír da crise aumentando a taxa de lucros.

O VALOR DA LOITA

Te puede interesar