O humanismo debe ser a clave

levamos tempo humanizando as cidades e recuperándoas para as persoas. É momento xa de recuperar as sociedades.
Moito se segue falando, nestes momentos tan delicados, de comunismo e capitalismo. É un erro. A sociedade xa decidiu. A disxuntiva non existe. O libre mercado demostrou a súa incapacidade para coidar ás persoas e manter o sistema social mentres que o comunismo “clásico” hai anos que está superado e non é xa unha opción.
As pandemias son un feito natural. As gripes, en plural, pois hai múltiples cepas, son algo normal, como normal parecíanos o colapso que provocaban cada ano no noso sistema sanitario. Pero o  Covid-19, debido á súa capacidade de contaxio sen presentar síntomas, puxo todo patas para arriba e demostrou que non podemos permitirnos ter un sistema de saúde precario e mal  dimensionado.
E non só iso, traballos tan pouco valorados como o de  costureira que agora están a facer miles de ansiadas máscaras, caixeiras que pasan medo todos os días cando entran nos supermercados, condutores de ambulancias que ata onte mesmo loitaban por que a privatización non acabase cos seus dereitos laborais, transportistas que seguen ao pé do canón cada día a pesar das continuadas subidas do combustible, xunto coa vivenda e as subministracións esenciais como a auga ou a electricidade que foron convertidos en negocio son agora valorados na súa xusta medida.
Si, agora sabemos que o actual sistema é extremadamente fráxil, que todos e todas somos importantes, que non se debe facer negocio co esencial, que o sistema de saúde debe ser algo prioritario e de calidade, que o investimento en investigación é básico para o benestar social…  Moitas cousas cambiaron.
O fracaso do capitalismo é un feito. As  billonarias axudas das que se está falando déixano claro. O libre mercado leva anos afundíndose. A pasada crise financeira que necesitou a intervención masiva dos estados, é dicir, do público, foi un último aviso #ante o cal non se quixo reaccionar. E xa non hai marxe para resposta algunha. O libre mercado, o neoliberalismo, o capitalismo ou como queiramos chamalo morreu pola súa rixidez, a súa falta de solidariedade social, a súa obsesión polo crecemento, por ter máis beneficios que o de á beira e, sobre todo, por ser incapaz de manter un sistema social seguro, duradeiro e que nos coide.
Porque precisamente trátase disto: de coidarnos. Agora sabemos que o sistema social debe construírse para coidar das persoas e o capitalismo non o fai. Significa isto que o único réxime político posible é o comunismo? Evidentemente non. A ortodoxia comunista hai anos que está superada. Camiñamos cara a unha nova orde mundial no que o humanismo debería ser a clave. A síntese entre os dous sistemas enfrontados debería chegar de man dese humanismo no que o público e o privado convivan dentro dun novo marco. 
Nesa contorna o público debería abarcar todo o esencial para as persoas e o privado debería centrarse no que non é básico. A transición ecolóxica, abandonando os combustibles fósiles, o decrecemento, o fin da obsolescencia programada, a automatización posta ao servizo das persoas e non do incremento do beneficio empresarial, etc. son algúns dos eixos transversais dese novo sistema que debemos axudar a crear.

O humanismo debe ser a clave

Te puede interesar