martes 22.10.2019

o soño de lilith

oxe é inevitable comezar o día pensando en todo o que este luns se rompeu. Nas vidas rotas de Sandra, Alba e María Elena. Na infancia rota de dúas crianzas de catro e sete anos que foron testemuñas da máis inaudita das barbaries. Nun pobo roto, Valga, e unha veciñanza conmocionada e preguntándose como é que lles foron arrebatadas catro veciñas nuns poucos meses. O impacto dunha nova coma esta, e o das sucesivas informacións, é difícil de encaixar. Da incredulidade pasas á conmoción, á indignación, á rabia, á desesperación. Estannos matando. E non podes evitar pensar nesa nai e esa irmá que acudiron a defender a esa filla e irmá. Nese afecto filial e fraterno que no feminismo chamamos sororidade, porque todas somos irmás. E hoxe somos tres irmás menos.
Tras ese primeiro impacto que te deixa inmóbil, a reacción é compartir coas túas compañeiras feministas, coas túas irmáns, as novas que van chegando, activar os protocolos, coordinarse co resto do feminismo galego para convocar mobilizacións en todo o país durante o próximo mércores. En seguida, as redes sociais e os espazos de militancia vanse enchendo de mensaxes de dor, repulsa, solidariedade, incredulidade, enfado e reivindicación, de maneira case unánime. Como acontece cada vez máis nas datas sinaladas para o movemento feminista, cando observamos que o respaldo e o consenso da sociedade son maiores dunha a outra convocatoria. E iso a pesar dos negacionistas, dos que son incapaces de aceptar a correlación entre un sistema, o heteropatriarcado, e o feito de que nos asasinen. Os que, a pesar das evidencias, se aliñan cos que mantiñan que a terra era plana ou rexeitaban a teoría da evolución das especies. Irresponsable que existan organizacións políticas que alimenten a superstición e a ignorancia. 
E así, sen decatarnos, comezamos a recompoñer, a coser, co fío morado que temos entre as mans, sabendo que somos tres mulleres menos e que iso é irreversible, que non hai castigo que serva de contrapartida para esta dor, pero que a vontade dunha maioría da sociedade para que nos deixen de matar, é inquebrantable. E así, xuntas, continuaremos convocando e manifestándonos, berrando moi alto ese “nin unha menos”, acompañándonos e coidándonos, ata que sexa o machismo o que, definitivamente, se rompa.

o soño de lilith
Comentarios