A Galicia insólita: dúas propostas para Carballo Calero DLG 2020

Un grupo de membros da Real Academia Galega levamos seis anos consecutivos propoñendo a figura de Ricardo Carballo [Carvalho] Calero como personalidade literaria do Día das Letras Galegas, dada a calidade incuestionable do seu inmenso labor como crítico, ensaísta e creador literario, e tamén por encarnar valores coma o antifascismo e o galeguismo. Somos moi conscientes da opción reintegracionista que defendeu Carballo desde mediados da década de 1970, pero consideramos que a Academia non debe temer o debate normativo, pois mala cousa sería se a institución non fose quen a defender social e filoloxicamente a bondade da normativa vixente.

2) O 24 de maio do 2018 rexistramos a proposta de Carballo para o DLG 2019; e o 8 de xuño, dúas semanas despois, varios académicos presentaron a opción de Antonio Fraguas. Os méritos do etnógrafo de Cotobade son innegables, pero  nunca debeu ser usado para seguir postergando e marxinando a Carballo.

3) O pasado 20 de maio nove académicos presentamos, unha vez máis, a proposta de Carballo para o DLG 2020; e segundo informou un xornal dixital, horas antes, trece académicos presentaran outra, tamén para Carballo. Entre os promotores desta hai quen se opuxo radical e combativamente á elección do autor de Scórpio, malia recoñecer a súa enorme contribución á cultura galega. Resulta sorprendente que quen hai só un ano consideraba que a elección de Carballo sería un atentado contra a lingua galega, vexa nel agora unha figura merecente de ser celebrada, viraxe que talvez se deba á intención de botarlle terra a un lamentable proceder en anos anteriores.

4) Fontes da Academia referíronse publicamente ás dúas propostas como a “minoritaria” e  a “maioritaria”. En realidade son, por unha parte, a proposta que se fai por sexto ano consecutivo; e por outra, a proposta froito da presión externa e interna, que ten como finalidade principal impedir que un quiñón de académicos leven o mérito de presentar a Carballo, por teren criticado o rumbo que lle imprime á RAG a súa actual Executiva. 

5) Non cuestionamos, en absoluto, a legalidade da cualificada como proposta “maioritaria”; porén, cremos que hai actuacións moralmente detestables, como ocorre con esa proposta insólita, que conta co apoio de toda a Executiva da Academia. Así e todo, celebramos que, por fin, Ricardo Carballo Calero teña o xusto e merecido Día das Letras Galegas.

1. Francisco Fernández Rei
2. Manuel González González
3. Chus Pato
4. Xosé Luís Axeitos Agrelo
5. Euloxio Rodríguez Ruibal
6. Manuel Rivas Barrós
7. Xosé Luís Regueira Fernández

A Galicia insólita: dúas propostas para Carballo Calero DLG 2020

Te puede interesar