Un Porto ao que non lle importa o mar

índa que pareza sorprendente, Vilagarcía de Arousa ten un Porto ao que non lle importa a Ría de Arousa. Seguramente parece imposible, pero así é. Hai moito tempo que o Porto, en Vilagarcía, que non é soamente un porto para esta cidade senón para toda a ría, vive de costas ao mar e á propia vila. E, incluso, dispara contra ela.
Xa non se trata de lembrar como o Porto foi utilizado para o lanzamento dalgunha candidatura política, tivera éxito ou non, con intereses máis no Concello que no Porto. Nin se trata de refrescar a memoria sobre o sentido que pode ter que fagan parte do seu Consello de Administración cargos políticos da Consellería de Sanidade (por exemplo). Se cadra nin sequera se trata de preguntar como se pode dirixir un Porto que debera ser tan relevante facendo unha xuntanza cada varios meses. Incluso non tocará lembrar como se regalaron a prezo de saldo espazos portuarios para facer as pistas de pádel con mellores vistas do mundo (unha actividade claramente portuaria, como é obvio). Tampouco, se é preciso, toca insistir en que toda unha vila non pode vivir de costas ao mar por intereses urbanísticos dun Porto máis preocupado de ser axencia inmobiliaria que autoridade portuaria. Xa non é unicamente iso, senón ser conscientes de que a última idea que pode ter un Porto é destruír o mar. Así obrouse hai non moito tirando restos de obra ao mar. Como os nenos que esconden os chicles pegados debaixo da mesa pero, neste caso, con plásticos e residuos que ocupan algo así como 7 millóns de botellas grandes de auga ou máis de 650 coches. Case nada. Nesta triste historia houbo quen a denunciou e quen a tentou de ocultar: o primeiro foi expulsado, os segundos premiados. 
Esta ría, e tamén Vilagarcía en particular, precisa un Porto vivo, activo, proactivo, decisor, conectado e vinculado á súa terra. Para iso necesitamos un novo impulso. E necesitamos compromiso, coa defensa lexítima dos intereses do Porto pero tamén co necesario entendemento coa cidadanía. E sobre todo, compromiso co mar, coa súa sostenibilidade e co imprescindible coidado.
Habería un listado enorme, xigante, de persoas do eido empresarial, político ou laboral que terían moita máis vinculación coa actividade que o Porto desenvolve por, para e na ría. Tamén que terían unha sensibilidade máis axeitada coa necesidade de conectar con Vilagarcía. Hainas en diversos puntos de toda a banda sur da ría e tamén, incluso, no propio Porto. Hainas con máis vinculación política, con menos, con toda ou con ningunha, e todas esas persoas son realmente válidas. Hai nomes abondo, veremos se por parte de quen lle corresponde hai ganas de respectar o mar, respectar a ría e respectar á cidade. 

Un Porto ao que non lle importa o mar

Te puede interesar