A DIVULGACIÓN DA CIENCIA EN GALICIA

O pasado mércores 20 de abril celebrouse en Santiago de Compostela no Consello da Cultura Galega a xornada “A divulgación da Ciencia en Galicia” a cal tiven o pracer de asistir. Ademáis presentouse o primeiro Informe sobre a divulgación da ciencia en Galicia, coordinado polo científico e divulgador galego, Xurxo Mariño. Neste artigo resaltarei algún punto que me pareceu salientable e que aparece nas conclusións do informe.
A reunión foi de gran interese e moi participativa. Un xornada de discusión e reflexións de moitos dos participantes, que de seguro axudarán a completar e mellorar o informe de cara ó futuro. Quedou patente que en Galicia hai moitos divulgadores que fan un traballo excelente e motivado a maioría das veces polo mero interese de comunicar a ciencia ó cidadán de a pé, nenos e maiores. Como dí o programa da xornada “A comunicación popular do coñecemento científico resulta esencial para o desenvolvemento dun espírito crítico da cidadanía, que facilite a interpretación das achegas da ciencia que hoxe en día fan parte de moitos aspectos da vida cotiá”. 
Moi importante, a educación. Nos centros educativos en xeral, dende a escola primaria ata a Universidade, é preciso que os profesores fagan máis divulgación ademais de impartir os coñecementos curriculares. Deberían falarlle os alumnos da diferencia entre ciencias e pseudociencias, ademáis de usar contidos de actualidade e non só os presentes nos libros. No eido da educación destacan as Feiras da Ciencia ou a Semana da Ciencia por exemplo. Estou seguro que todo isto ademais de aumentar a cultura científica fomentaría tamén a nosa creatividade como diría o británico Ken Robinson. 
O informe comenta que a prensa  escrita dedica máximo un 2.5% do seu espazo a ciencia e que non hai ningunha sección fixa de ciencia en ningún xornal galego impreso. Un problema da prensa é a falta de especialización de moitos xornalistas e o uso de temas pseudocientíficos. Só subsiste o suplemento “La voz de la escuela” de La Voz de Galicia e hai pouco columnista especializado en ciencia. 
Na TV (pública ou privada) non temos  presente ningún programa de longo percorrido sobre ciencia. Na radio máis do mesmo. Destacar “Historias del Tiempo” (en V Television) e Efervesciencia (na Radio Galega) como os únicos supervivintes.  O problema e que non só se lle dedica pouco tempo os temas científicos en ámbolos medios, senón que ademáis na maioría dos casos prestaselles menos atención que as pseudociencias. Isto xa é preocupante.
En canto a charlas e actividades similares temos de todo un pouco xa que son moi cercanas coa xente e productivas. Fanse a maioría a custe cero ou case sen custe económico. Algúns exemplos: os cafés-teatro científicos, Puntos Científicos, o programa ConCiencia, etc. Os recortes afectan as asociacións sen ánimo de lucro tales como a Asociación Galega de Comunicación de Cultura Científica e Tecnolóxica, Asociación Galega de Historia Natural, etc. En Galicia destaca o asociacionismo astronómico e a creación dos observatories astronómicos de Cotobade e Forcarei, e iso que o noso ceo non é dos maís claros para ver as estrelas. Tamén hai moitas asociacións de preservación da natureza e o medio ambiente. 
No mundo de internet aquí a efervescencia no ámbito da divulgación científica é tan grande como variopinta. Aínda así, só temos unha plataforma dixital en galego “GCiencia” que nos mantén informados día a día sobre a ciencia global. Cabe mencionar tamén os contidos dixitais no e-Museo dos Museos Científicos Coruñeses, a revista con novas tecnolóxicas de Galicia “Código Cero”, o Albúm da Ciencia do Consello da Cultura Galega, unha chea de blogs adicados a ciencia e súa divulgación, etc, etc, etc.  Tamén se menciona que os Museos Científico, algúns deles de referencia, necesitan orzamento para mantemento e actualizacións. Cabe destacar tamén o Servizo de Extensión Agraria pola súa laboura educativa e de transferencia de Tecnoloxía.
Para concluir, a Administración da Xunta diminuíu moito o seu papel dinamizador da divulgación científica dende hai uns anos. Algunha axuda cae dende o FECYT, e para de contar. Sen embargo, na nosa terra facemos de todo aínda que as axudas brilen pola súa ausencia. A pesar da crise, algunhas iniciativa públicas Exper-i-ciencia (CSIC), Conciencia (USC) ou Ciencia que conta! (Univ. de Vigo) ou privadas educaBarrié (Fundación Barrié) seguen subsistindo. Os representantes da administración pública alí presentes quedaron abraiados da cantidade de divulgadores e iniciativas de calidade de divulgación que temos en Galicia na actualidade. Así o manifestaron.  Esperemos que tomaran boa nota, e non só quede en palabras. Enlace para ver o informe: http://consellodacultura.gal/publicacions-dixitais/acta.php?libro=4003.
So recordar que do 25 o 27 de abril celebrarase en Sanxenxo o IX Cajal Winter da Sociedade Española de Neurociencias (http://www.senc.es/es/cajalwinter). Será a primeira vez que este evento se celebra en Galicia. Neste evento trataranse diversos temas e os xoves científicos poderan codearse moi de preto con figuras de renombre internacional no eido das Neurociencias. Ademáis o sábado 23 teremos un café-teatro científico no bar El Aviador e o martes 26 unhas charlas no IES de Sanxenxo. En definitiva, Sanxenxo foi elexido este ano como lugar de parada para as mariposas da alma (ou neuronas) de Ramón y Cajal. 

A DIVULGACIÓN DA CIENCIA EN GALICIA

Te puede interesar