As árbores e o bosque

Hai unhas poucas semanas, nesta mesma columna e a propósito do orzamento municipal, a miña compañeira Luz Abalo dicía que co de ser concelleiro/a pasaba como con ser vogal da comunidade de veciños: todo o mundo debería de selo algunha vez, de xeito que se así se entenderían algunhas cousas, se sería máis comprensivo con outras e, sobre todo, non se farían ou dirían algunhas máis. Pois ben, este mes longo de negociacións para lograr un orzamento que satisfaga a unha maioría veulle a dar a razón. É máis, este tempo puxo en evidencia as moitas contradicións que se poden chegar a dar segundo onde un se atopa en cada momento. Porque, a ver, quen pode estar en contra de que se incrementen os gastos en servizos sociais, quen non comparte que o concello sexa un axente activo na reactivación da economía e polo tanto na xeración de emprego, quen no está de acordo nunha maior atención ao medio rural e na protección do noso medio ambiente, na promoción do turismo ou nunha maior oferta cultural e deportiva. Estou segura de que todos, os 21 concelleiras e concelleiros da corporación e os case 38.000 cidadáns que conformamos esta espléndida cidade, estamos de acordo. E se no básico estamos de acordo, por que non hai acordo? Porque non é igual ter a responsabilidade de gobernar que a responsabilidade —tamén— de facer oposición. E aí entramos nas contradicións. Para facer todo iso no que estamos de acordo, é dicir, para facer fronte aos gastos que todo iso precisa, é necesario que existan ingresos (os cartos non caen do ceo). E o que non pode ser é que ao mesmo tempo que se reclamen máis gastos se esixa tamén a rebaixa da carga fiscal, como se os servizos se financiaran polo aire.
Tampouco parece moi plausible que quen é oposición propoña aquí o que non fai alá onde goberna, é o caso das municipalización de determinados servizos; ou que se diga que se pode rebaixar o gasto en alumeado pero, ao tempo, non se explique como se pode facer sen reducir a iluminación pública da que gozan os veciños; ou que se afirme que non se poden apoiar uns presupostos porque non teñen en conta as “necesidades reais” dos veciños, pero acto seguido se reclaman máis cartos para un museo, o cal está moi ben, aínda que non pareza que dea cobertura ás “necesidades reais” e inmediatas da veciñanza neste momento de tanta dificultade para tantas familias e persoas. Outro tanto ocorre coa participación cidadá na elaboración dos orzamentos. Haberá que supoñer que os concelleiras e concelleiros somos representantes da cidadanía, e as asociacións, coas que falamos constantemente, tamén. E haberá que supoñer, do mesmo xeito, que se aquí se propón un debate case asembleario, que é unha posibilidade tan lexítima coma outra, entonces alí onde gobernan quen aquí o propón tamén debería propoñelo e levalo a cabo. Pero non: ao parecer, coas mesmas siglas e o mesmo ideario, son proxectos “independentes”. Hai por último quen, tendo experiencia de goberno, esixe agora o que non fixo cando tivo a oportunidade de facelo. E mesmo propoñendo para o Estado unha fórmula para desbloquear estes casos de falta de consenso, aquí non están de acordo; ou sexa: esas fórmulas que eu mesmo propoño son válidas sempre que o beneficiario sexa eu. Incluso se queixan de que non lle chega a información a tempo cando durante anos a entregaba incluso fóra do prazo establecido legalmente. Hai quen aínda non entendeu quen non é o mesmo predicar que dar trigo, e o seu tempo esgotouse, predicando ata o hastío. Este goberno fixo o que tiña que facer: presentar unha proposta de orzamento prudente, axustado á coxuntura económica, cun marcado caracter social e cunha aposta firme pola protección do noso contorno. Este goberno presentoulle á oposición o borrador do orzamento mes e medio antes da súa aprobación inicial polo pleno, algo inédito nos derradeiros anos en Vilagarcía. Este goberno foi receptivo a recibir contrapropostas e tamén aceptar as que considera posibles política ou tecnicamente. Como ten que ser, porque negociar non é impoñer. Nestes tempos nos que tanto se fala de sensatez e sentido, sería bo que todos o aplicaramos. É evidente que poden existir diferenzas no establecemento de prioridades, pero esa árbore non debe impedirnos ver o bosque.

*Voceira do grupo municipal do Partido
Socialista en Vilagarcía

As árbores e o bosque

Te puede interesar