Camiñando

Dixo unha vez Eduardo Galeano “A utopía está no horizonte. Camiño dous pasos, ela afástase dous pasos e o horizonte córrese dez pasos máis aló. Entón para que serve a utopía? Para iso, serve para camiñar.”
A cidadanía quixo un cambio no seu camiño as pasadas eleccións do mes de maio, quixeron unha Vilagarcía gobernada dende a pluralidade, dende o diálogo, pero cun claro rumbo. O rumbo é unha Vilagarcía máis humanizada, máis respectuosa co seu pasado, co seu contorno, máis orgullosa das súas potencialidades e unha Vilagarcía máis xusta e igualitaria.
Neste grave momento de grave dificultade para moitas persoas e moitas familias é absolutamente necesario e prioritario para as administracións protexer aqueles máis vulnerables.
Humildemente cremos que estamos no camiño. Púxose en marcha un obradoiro de emprego e solicitouse á Deputación a contratación de trinta e catro traballadores a través do Servizo público de Emprego; implementáronse as políticas de conciliación coa apertura do comedor infantil no verán, así como a atención aos nenos e nenas con máis necesidades, e coa mellora sustancial no servizo prestado ás familias no programa Conciliatardes; estase a traballar na inclusión de clausulas sociais nos contratos coa administración local, que garantan unhas condicións laborais dignas e o acceso ao emprego de persoas en situación de vulnerabilidade. E sobre todo potenciáronse os Servizos sociais coa posta en marcha dun novo programa, grazas a contratación dunha traballadora social, que reduce as listas de espera e que axiliza a tramitación das axudas.
E seguimos camiñando. Agora cos ollos postos no modelo fiscal, revisando impostos e taxas municipais, e tamén aquí impulsáronse medidas que garanten unha maior equidade, unha tributación máis xusta e a aplicación de máis medidas sociais. É compromiso deste goberno paliar a vertixinosa subida aprobada polo anterior goberno no IBI, e cumprindo un compromiso electoral aplicamos a redución do tipo impositivo, axustando tamén para que non existan desigualdades inxustas nin igualdades falaces. Propoñemos incrementar impostos ás empresas que máis facturan, na procura dun axuste fiscal máis eficiente da actividade económica, quedando aínda así nunha porcentaxe mínima e moi inferior ao resto dos concellos da mesma entidade do noso contorno.
No mesmo sentido tamén propoñemos incrementar no imposto de circulación nos vehículos e nas motos de alta gama. En definitiva traballamos en medidas que garantan unha tributación máis equitativa, e procuramos un modelo de sociedade máis xusto e solidario onde cada persoa aporte segundo as súas posibilidades e reciba segundo as súas necesidades.
Por isto a proposta do goberno socialista contempla medidas sociais para paliar a difícil situación económica dos máis vulnerables, aqueles con ningún ou moi poucos ingresos, aplicando bonificacións para quen as necesita, chegando incluso ata o 100% para as persoas con maiores dificultades e para as entidades sociais sen ánimo de lucro.
Queda moito camiño por andar e avanzar no benestar das persoas e na protección dos máis vulnerables. O Goberno socialista seguirá potenciando o emprego, seguirá a impulsar as políticas sociais, dotando ao departamento de Servizos sociais de máis recursos e impulsarase unha fiscalidade máis xusta e racional. Todos estes compromisos para dar resposta á necesidade máis prioritaria que teñen hoxe en día as administracións, que é a de garantir unha vida digna á cidadanía.
Sabemos que é so un punto de inicio, e que o diálogo e a participación cos demáis grupos políticos e coa sociedade en xeral será imprescindible para conquerir novas metas e novos avances sociais.
Somos culpables de levar apenas tres meses de traballo, máis cremos que se están a dar pasos claros cara un obxectivo que aínda está lonxe, unha Vilagarcía máis xusta e igualitaria. O importante, xa sabemos, non é so o final, senón facer o camiño. E por iso seguimos e seguiremos, porque non hai camiño, faise camiño ao andar. 

*Voceira do grupo municipal do Partido
Socialista en Vilagarcía

Camiñando

Te puede interesar