O espertar da forza

Na lista de numerosos e variopintas costumes que se repiten cada ano no marco destas festas, a estrea de grandes producións de cine é toda unha tradición. Con motivo do esperado sétimo episodio de Star Wars –nos meus tempos, a Guerra das Galaxias- puxeron estes días en televisión dúas das películas da segunda triloxía, ou sexa, da precuela ás aventuras de Luke Skywalker, Han Solo e a Princesa Leia. Como xa facía anos que as vira, decidín refrescar a memoria antes de ir ao cine a ver “O espertar da forza”.
Paseino ben coa historia, como xa me ocorrera cando as vin por primeira vez; pero a diferenza de entón, nesta ocasión todo me pareceu máis real. Sorprendéronme os  curiosos parecidos que a ciencia ficción pode ter coa realidade… aínda tratándose dunha galaxia moi, moi lexana.
Non sei si será ou non de friki ter estes pensamentos, pero o xeito  no que o prometedor Anakin Skywalker se pasa ao lado escuro da forza… a min sóame moi próximo no tempo e no espazo.
Por si alguén aínda no sabe de que vai o conto, direi que nestas películas da Saga descríbese como o prometedor Anakin Skywalker se pasa ao lado escuro da forza.  O que estaba chamado a ser o salvador da galaxia, vaise botando a perder envelenado pola envexa que lle profesa a Obi Wan. Hai unha escena moi esclarecedora na que o xoven Anakin confésalle a Amidala a súa frustración porque, créndose superior, non chega a ser como Obi Wan. Nesa arroutada de sinceridade, tamén recoñece o futuro Darth Vader,  o que máis o atormenta: que Obi Wan sexa un membro principal dos Cabaleiros Jedi, un posto no que Anakin cre que debería estar el.
E esa frustración fai que aflore o verdadeiro ser de Anakin, corroído polo odio que sente cara aos Cabaleiros Jedi, contra a orde establecida democraticamente e mesmo por todos os seres da galaxia aos que culpa da súa sorte.  E así, fotograma a fotograma, a mirada de Anakin vaise escurecendo, a súa linguaxe vóltase agresiva e ofensiva; e tolo por facerse co poder absoluto, non amosa reparo en recorrer á mentira e as artes máis noxentas para urdir incribles e malvados plans  que o único que conseguen é sumilo por completo no lado escuro da forza. No lado errado.
Tal como están as cousas, non estaría demais que ao remate das letras que introducen as películas de Star Wars aloxándose  cara o infinito do universo, incluíran a tan manida frase de “Todas as personaxes e situacións que aparecen nestas películas son pura ficción, polo que calquera parecido coa realidade será unha mera coincidencia”. Aínda que, todo indique que habelas, hainas!
E a modo de reflexión, despois de analizar a Saga, tamén teño que recoñecer que sen a existencia dun lado escuro, mal poderíamos apreciar os beneficios da luz. Xa o dicía o Mestre Yoda: Anakin era necesario para manter a Forza en equilibrio. Así que… deixémolo estar porque facer o mal, so fai mal a quen o fai.
Está claro que a “guerra” entre os dous lados da forza continuará. Así ten que ser. Pero como sucede en Star Wars, para que a paz e a xustiza (social neste caso) e o ben (mellor dito, benestar) triúnfen; para que o lado escuro non logre vencer, pidámoslle a novo ano unha actitude positiva para todos os vilagarciáns. Que o optimismo mova a nosas accións, que a ilusión non deixe de motivarnos, que teñamos enerxía dabondo para non desfalecer na procura de todo o que desexemos.
En definitiva, veciños do Planeta Vilagarcía, coidémonos de Ameazas Fantasmas que pretendan levarnos polo camiño errado e…
… Que a Forza nos acompañe no 2016.

*Voceira do grupo municipal socialista no Concello de Vilagarcía.

O espertar da forza

Te puede interesar