De paixóns propias e causas alleas

Calquera que seguise a evolución do actual portavoz do PP desde o mesmo día en que perdeu as eleccións podería comprobar dúas cousas. A primeira, que os vilagarciáns tiñan razóns certas non xa para retirarlle a maioría absoluta da que gozaba, senón para envialo directamente á oposición despois de tan só catro anos. E segundo, que a medida que vai pasando o tempo, peor o vai dixerindo.
Podemos admitir a especial xenreira que nos profesa, coma se nos fósemos a causa -chegado o caso, a consecuencia, pero nunca a causa- da súa estrepitosa derrota de maio. Pero o que de ningunha maneira pode ser admisible é que non xa os meus compañeiros de goberno senón todos os da corporación que non rin as grazas -súas ou doutros- sexan reiteradamente vexados: nin son un “puñado de personaxes”, nin participan en ningún “culebrón”, nin forman parte de ningún esperpento, nin teñen socios “pequenos” porque “todo ten un prezo”. Son, simplemente, persoas, veciños que defenden unhas ideas e queren o mellor para a súa cidade, desde puntos de vista diversos pero sempre respectuosos e respectables. E o mellor para esta cidade non ten por que ser, precisamente, o que queira -máis ben, se lle ocorra a- Tomás Fole.
Quen vai por aí dando leccións de case todo; quen nos acusa de desvergoña despois de reclamar unha solución ¡ás terrazas!, ou de dicir que os vilagarciáns se merecen que lles baixen os impostos, despois do seu monumental catastrazo; quen encomia agora a Juan Fajardo como institución no pleno sen importarlle, como no caso anterior, o que digan as actas e as hemerotecas; quen se afana en denigrar aos traballadores que antes lle sacaron as castañas do lume; quen critica que haxa partidos dispostos a apoiar ao goberno despois de vivir como se xestou a unión do PP con IVIL; quen, sen rubor, é capaz de acusar aos demais de actuar como os malos estudantes, deixando todo para a noite antes do exame; quen, en definitiva, arróxase a facultade de ser o único competente para converter a Vilagarcía nunha nova unidade de destino no universal, debería ser un pouquiño máis humilde, aprender da derrota como todos aprendemos algunha vez, e, sobre todo, ter algo máis de respecto por quen son os seus compañeiros de corporación, que, por se o esqueceu, representan a dous terzos da cidadanía, cuxos votos -que non lle caiba dúbida- valen tanto como o seu ou os seus.
E agora que, como Rajoy, ten tamén a axenda bastante libre, bo sería que, ademais de dedicar o tempo para repasar o que non fixo e deixou sen facer, esixindo agora aos demais que o fagamos por el, podería igualmente revisar algúns clásicos. O Quixote, por exemplo, e especialmente os capítulos que recollen os consellos de boa gobernanza que o noso fidalgo deu a Sancho cando aspiraba a dirixir a insua de Barataria. Entre eles, este: “No te ciegue la pasión propia en la causa ajena; que los yerros que en ella hicieres, las más veces serán sin remedio, y si le tuviere, será a costa de tu crédito y aún de tu hacienda”.
Agora que o mesmo tamén lle emenda a plana a don Miguel, que, polo que se ve, nin tiña experiencia nin tampouco era “dos nosos”.
*Voceira do Grupo Municipal do Partido Socialista de Vilagarcía de Arousa.

De paixóns propias e causas alleas

Te puede interesar