VILAXOÁN (E SOBRÁN E SOBRADELO) TAMÉN EXISTE

Nestes tempos revoltos, nos que uns se enredan en construír a súa realidade virtual e na súa numantina e monotemática defensa das luces de neón, outros preferimos seguir cos pés na terra e por iso procuramos distinguir entre o principal e o accesorio. Uns preferiron destinar os escasos recursos a máis parques infantís, incluso onde non se podía, como nunha área arqueolóxica; outros preferimos destinalos a levantar unha escola infantil. E ao mellor tamén iso contribúe a definir os distintos modelos de cidade, que habelos, hainos.
Como é ben sabido, un dos principais proxectos que nos propoñemos para os próximos meses é a construción dunha escola infantil en Vilaxoán. Suporá un investimento de máis de 700.000 euros. Hai quen di agora que xa o tiñan pensado, pero que non lles deu tempo... será por iso que tampouco se acordaron de incluílo no tan manido “pacto de cidade”, no que, sen embargo, insistían en máis columpios. Pero non se enganen: consiste en crer ou non crer: e nós cremos.
Cremos na conciliación familiar e laboral, o que indubidablemente se traducirá nunha maior calidade de vida para os nosos veciños. Nestes momentos en Vilagarcía de Arousa hai censados 932 nenos e nenas con idades comprendidas entre 0 e 3 anos. As prazas públicas en escolas infantís son 272, ás que hai que engadir as que ofrecen as tres garderías privadas. Corenta familias están en lista de espera para unha praza pública para esta idade educativa. 
Cremos, e isto está directamente relacionado co anterior, na incorporación da muller ao mercado laboral. Certo que “nai non hai máis que unha”, pero certo tamén que no mundo que vivimos a educación dos fillos e fillas debe ser una tarefa compartida entre o home e a muller e que esta ten exactamente os mesmos dereitos a desenvolverse persoal e profesionalmente.
Cremos na educación de valores. Todos sabemos que esa idade preescolar é fundamental para a formación da personalidade. Entre os 0 e os 3 anos os vilagarciáns do futuro cimentan valores como a autoestima, a convivencia, a tolerancia, a solidariedade, a equidade e a igualdade. 
Por iso cremos tamén que a oferta educativa nesas idades debe ser pública e universal: Certo que o papel da familia é fundamental, se teñan 2 ou 20 anos, pero é deber das administracións públicas favorecer que as condicións nas que esa educación se produce sexan as máis favorables e por iso, cando un pai ou unha nai ou, nos casos máis afortunados, ous dos teñen un traballo, a oferta de prazas públicas en escolas infantís debe ser unha prioridade para calquera goberno cos pés na terra: malamente poderá haber nenos e nenas xogando nun parque infantil ou nun campo de fútbol se antes no favorecemos que eses nenos e nenas existan.
Cremos na creación de emprego e de emprego de calidade. A construción dunha escola infantil conleva a contratación de persoal especializado e auxiliar e ten unha incidencia económica directa e indirecta no lugar no que asenta, neste caso Vilaxoán.
Cremos na colaboración institucional e por iso este proxecto é transversal: se financiará con fondos principalmente da Deputación Provincial, pero sobre unha parcela municipal e con proxecto municipal, e aspiramos —e por iso xa se fixeron as primeiras xestións diante da Xunta— a que esa escola sexa incluída na rede do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar.
E cremos —e non por ser a última “crenza” é a menos importante— na cohesión territorial. Ter claro un modelo de cidade implica, en primeiro termo, ter igual de diáfano o coñecemento do territorio no que convivimos. E, fronte á maioría dos concellos que coñecemos, onde hai un casco urbano arredor do cal xira todo o demais, aquí, en Vilagarcía de Arousa, a realidade está formada por tres núcleos históricos: Carril, Vilagarcía e Vilaxoán. Os dous primeiros xa teñen, por fortuna, a súa propia escola infantil. Parece lóxico, pero sobre todo xusto, que o terceiro tamén a teña. Porque Vilaxoán, como Sobrán e Sobradelo, tamén existe. Como dicía o outro, é o que hai. E ben dito.

*Voceira do Grupo Municipal do Partido
Socialista de Vilagarcía de Arousa

VILAXOÁN (E SOBRÁN E SOBRADELO) TAMÉN EXISTE

Te puede interesar