INVOLUCIÓN DEMOCRÁTICA

Este goberno da medo: A nova Lei de Seguridade Cidadán enrudece os castigos e as protestas sociais. Gravar a actuación da policía pode ser unha infracción moi grave e manifestarse fronte ao Parlamento castigarase con seiscentos mil euros.
Estes herdeiros da “Paca la Culona” non queren folgas, non queren protestas lexítimas, non queren que os cidadáns exerzan a democracia. Queren que sexamos súbditos e tapar as súas vergoñas corruptas e intentar solapadamente de facer un país que de a impresión que é unha balsa de aceite. Intentan acalar a voz da xente do común que a están machacando co medo e máis medo, actuando como naquela “longa noite de pedra”.
Están botando o pé por debaixo da porta, xa non é de año, véselle o pezuño de lobo, están volvendo a vista ao pasado (cousa que xamais o deixaron) pensando que todo aquilo que cheire a democrático prexudica a súa estabilidade no poder, non dubidan un intre en ir esnaquizando as liberdades e dereitos constitucionais dos cidadáns, lembrando tempos nos que os seus predecesores fixeron deste país un Estado de inxustiza, desigualdade económica e represión. Ao final o PP é isto: man dura ao máis feble, ao que molesta, ao que se manifesta contra estas inxustizas, leña contra os dereitos laborais, rebaixas salariais, ataques contra o dereito de folga, xustiza, ensino e sanidade. Ou sexa, esfolan a Constitución da que eles coa súa boca pequena eloxian cando lles interesa.
Queren rematar coa “democracia”, queren facernos calar a boca, intentan pisar o dereito de “pataleo” do cidadán ante as barbaridades dos seus gobernantes, eles rouban, pásanse as leis por onde lles peta, líbranse da cadea e fabrican indultos para os corruptos.
Agora nin sequera lles serve o dereito comparado das liberdades civís dos países do noso entorno europeo. ¡Señores!. Cando a xente do común protestan diante do Parlamento, o están facendo diante da súa casa onde ”reside” a representación da soberanía popular que ten como garante a Constitución. O que pretenden facer non é máis que unha involución democrática e un quebrantamento da Carta Magna.

 

INVOLUCIÓN DEMOCRÁTICA

Te puede interesar