Menos samba e máis traballar

Somos Cambados (SC) presentouse ás eleccións do 24 de maio de 2015 co obxectivo de crear un novo goberno que iniciase o cambio que Cambados precisaba. Por iso, apostamos pola formación do cuatripartito ata o último momento. E foi SC quen propiciou a investidura da actual alcaldesa (aos feitos e ás imaxes nos remitimos). Así, dende ese mesmo día, 13 de xuño, nos puxemos á súa disposición e comezamos a traballar sen pararnos a pensar nin en cargos nin en salarios.
Outros non poden dicir o mesmo. Primeiro porque non apostaron decididamente pola investidura da alcaldesa (e aos feitos e as imaxes nos remitimos de novo, vexan o vídeo). Segundo, porque logo da sesión de investidura, tardaron varias semanas en vir polo Concello. E terceiro, porque fixeron da cuestión dos salarios un asunto fundamental ata o punto de poñer en risco a sinatura do pacto de goberno. SC cedeu e renunciou a unha liberación completa para que os salarios dos cargos políticos do cuatripartito nun superaran o umbral do PP.
Pero non só cedemos no tema dos salarios. Cando chegou o momento de negociar os cargos, SC renunciou tamén á segunda tenencia de alcaldía, a pesar de que lle correspondía por número de votos. Outra cesión de SC para facilitar o pacto. Unha vez asinado este, seguimos traballando (porque nós, a diferenza de outros, fixémolo dende o día da investidura) e organizamos practicamente nós sos a Festa do Albariño 2015. E non saíu nada mal. Foi a edición máis concorrida e tamén a máis barata dos últimos anos.
SC dedícase dende o 13 de xuño de 2015 a traballar dende o Concello para mellorar a vida no seu pobo, para resolver os problemas da veciñanza e baixarlle os impostos unha vez que conseguimos sanear as contas municipais. E aquí temos outro problemas con algúns dos nosos compañeiros de goberno. Porque mentres nós nos preocupamos por aforrar para poder saír do plan de axuste ao cal nos ten sometido o ministro Montoro, outros gastan de máis, esgotando non só as súas partidas orzamentarias senón tamén as doutras concellarías. E cando SC cumpre co asinado de velar pola saúde económica do Concello, enfádanse e dan un portazo. Esta é unha das verdadeiras causas da situación actual. Que non habendo máis cartos para gastar algúns queren seguir gastando. E se non lles deixas, ameazan con abandonar o goberno.
Os problemas non se solucionan ausentándose do traballo no Concello e eludindo as responsabilidades de goberno. Os problemas da cidadanía cambadesa non se van resolver deixando de ir a traballar, e cobrando moi ben igualmente. SC seguirá acudindo a traballar ao Concello. Non deixaremos de asistir a ningunha reunión nin a ningunha xunta de Goberno, tal como levamos facendo dende o 13 de xuño de 2015.
SC non ten nada que ceder. Xa cedemos bastante. Máis ca ninguén e non imos deixar as nosas competencias en mans doutros. Porque cremos que algúns deben volver ler o pacto e fixarse no reparto de competencias. Teñen suficientemente áreas para traballar sen ter que preocuparse polo que facemos nós. Compartimos a portavocía pero non podemos ceder a nosa competencia sobre o Polígono Industrial.
Xa que logo, pedímoslles que non busquen escusas electoralistas. Menos gasto desmesurado en festas e máis traballo. Ou como dirían os amigos brasileiros, menos samba e máis traballar.  
* Portavoz de Somos Cambados.

Menos samba e máis traballar

Te puede interesar