Isto non ten nada que ver coa política...

A frase que da título a este artigo escoiteina onte en varias ocasións, precisamente falando da nova lei de acuicultura. Nada máis lonxe da realidade, pois a política ven a representar o modelo de sociedade que desexamos e que intentamos acadar os diferentes partidos segundo a nosa ideoloxía. 
Se queremos un ensino ou sanidade pública ou privada, é dicir, se queremos uns servizos  igualitarios e ao alcance de toda a sociedade ou que sexan de máis calidade en función do que cada persoa pague por eles. Se as persoas deben traballar ata os 50, 60 ou 70 anos, tamén  son decisións políticas e tamén o son, se por Cambados debe ou non pasar o tren. Así que a nosa vida está marcada por diferentes decisións políticas que, ao vivir nunha democracia, foron tomadas polos representantes dos diferentes grupos políticos que gobernaron en función do apoio social acadado nas correspondentes eleccións.
Así que cando un grupo político no goberno fai unha lei, realmente faina seguindo a súa ideoloxía ou ideario e non será o mesmo que a faga un partido de esquerdas ou de dereitas, un partido nacionalista ou un de ámbito estatal. Cada un marcará as súas prioridades ao elaborar a lei e, incluso, dentro desas prioridades pode estar a consulta co sector social afectado ou non contar con el (como se fixo na Lei de acuicultura). Polo tanto detrás de calquera lei ou norma  hai unha decisión política previa que definiu como será esa lei.
Tampouco debemos enganarnos con que o “malo” desta película é o gran capital ou poder económico e que iso non ten nada que ver coa política, porque precisamente este poder ampárase nos grupos políticos da dereita (chámese PP ou Cidadáns, na actualidade) para levar a cabo as políticas do seu interese (modelo económico neoliberal que estamos a padecer).
Volvendo ao inicio deste artigo, podemos afirmar que o modelo que representa a nova lei de acuicultura, no que por medio de concesións pretende cederse o que agora é de todos/as a uns cantos privilexiados económicos, non é casual que sexa presentada e defendida  polo PP (o raro sería que non fose así); partido político que defende claramente os intereses do gran capital e non, precisamente, de mariñeiros e mariscadoras. 
Claro que é política esta decisión e podemos estar seguros de que se a dereita gaña as vindeiras eleccións galegas, a lei de acuicultura, que agora paralizaron por estratexia política, será aprobada e implantada e o noso mar deixará de ser de todos para ser duns poucos. 
Por iso hai que ser realista e entender que as decisións que guían a nosa sociedade sempre son políticas e o cidadán debe ser suficientemente intelixente para apoiar os grupos políticos que realmente defenden os seus intereses e non os que saen máis na tele; o seu futuro depende diso. 

*Tenente Alcalde, Concelleiro de Cultura e Portavoz do BNG no Concello de Cambados.

Isto non ten nada que ver coa política...

Te puede interesar