Un novo episodio da mesma serie

Desde que se iniciou a crise económica o BNG leva mantendo

Desde que se iniciou a crise económica o BNG leva mantendo  que a razón dela foi a progresiva implantación dun modelo económico neoliberal que claramente defende os intereses do gran capital, das grandes fortunas, a costa do sacrifico das maiorías sociais, das persoas máis necesitadas. Con este modelo, ao que ten pouco se lle espreme ata deixárselle a carteira baleira e, ademais, despois poderá considerarse afortunado se ten a sorte de posuír  un traballo en réxime de semiescravitude, pois no peor dos casos formará parte das interminables listas do paro.
Levamos comprobando, desde hai tempo, como o gran capital conseguiu facer negocio a base de ir mordendo cachos nos servizos públicos a base de privatizacións de servizos  imprescindibles como a sanidade e a educación, servizos mantidos cos cartos das aportacións das maiorías sociais. Levamos uns anos comprobando como estes servizos pasan a ser obxecto de negocio apetecible para as clases poderosas que incrementarán deste xeito a súa fortuna. Pero a fame do gran capital é insaciable e sempre seguen a ollar de onde poden sacar o seguinte euro que permita ampliar a súa riqueza. Cando deciden o seu obxectivo, non teñen máis que marcarlle a pauta a seguir á súa ferramenta política, chamada neste momento PP (ou cidadáns), para dar o seguinte paso.
Debe quedar claro que este modelo so pode ser posible porque as clases poderosas posúen un mecanismo  político chamado PP que resulta infalible á hora de buscar estratexias para quitarnos os euros dos petos ou para impedir que sexan distribuídos de xeito equitativo entre a maioría da sociedade. E agora estamos a vivir un novo episodio, unha vez asaltados os servizos públicos, tócalle ós sectores produtivos. A nova estratexia chámase Anteproxecto de Lei de Acuicultura de Galiza; primeiro paso para privatizar o mar e os seus recursos. Está claro que para o modelo económico neoliberal iso de traballar o mar e repartir o recurso e beneficio económico entre todos e todas os que o traballan non entra dentro dos seus plans e, por iso, xa lle ordenaron ó PP, á súa man executora, a nova liña a seguir: iniciar a privatización do mar. E o PP leva uns anos mans á obra, elaborando (en solitario) unha lei de acuicultura que pretende un cambio de modelo produtivo do sector do mar para que os recursos e beneficios, a partir de agora, sexan postos a disposición do gran empresariado; porque con esta nova lei o que se pretende, nin máis nin menos, é privatizar o mar e que este recurso quede a disposición duns poucos privilexiados.
Agora, ás maiorías sociais que nos queda? Pois impedir que estas estratexias non saian adiante de ningún xeito e, sobre todo, deixar de apoiar opcións políticas que levan anos traballando para enriquecer a uns poucos a costa da maioría de nos.
*Tenente Alcalde, Concelleiro de Cultura e portavoz do BNG no Concello de Cambados.