COA VIDA NON SE XOGA

D   ende fai tempo vense reclamando a necesidade de contar con unha ambulancia “medicalizada” ( de Soporte Vital Avanzado ) en  Vilagarcía e na nosa comarca do Salnés.
Tanto por parte dos traballadores do 061, como da CIG e do BNG vense denunciando dende fai tempo as carencias que no relativo a sanidade, e concretamente no servizo de Transporte sanitario urxente, vimos padecendo no noso concello e comarca. Denuncias e reclamacións que dende  o goberno do PP da Xunta Galiza, se dedican a ignorar de forma teimuda e sistemática, a pesares de que na nosa comarca non se cumpre coas rateos e niveles mínimos  recomendados pola OMS ( Organización Mundial da Saúde).
Temos uns gobernantes do PP que sistematicamente insisten en menosprezar tanto as peticións da cidadanía  como a súa saúde. Gobernantes do PP que seguen a poñer en risco a saúde dos propios cidadáns, enfocando e centrando tódolos seus esforzos en privatizar e facer máis rendible o negocio a empresas amigas a costa do público.
Non é de recibo que nunha comarca/zona que rolda os cen mil habitantes non contemos a dia de hoxe cos servizos dunha ambulancia  de Soporte Vital Avanzado ( UVI móbil ), e por exemplo, que os nosos enfermos máis graves teñan que ser trasladados dunha ambulancia a outra en gasolineiras ou distintos lugares das nosas vías xogando coa súa vida, ou que diante dunha emerxencia de gravidade teñan que perder moito tempo ( un tempo precioso ) para ir a recoller un facultativo ao PAC ( servizo de urxencias de atención primaria ) e deixando a este centro en precario. Non é de recibo pois que, nestas condicións, o partido popular siga empeñado en manternos a niveis  máis próximos a un pais non desenvolvido que os de un país avanzado, a costa de xogar coa nosa vida. Cantas persoas vai a ser preciso que morran para que se tomen medidas?
Fai agora case un ano que o BNG ( dentro da campaña e mobilización que levamos adiante  conxuntamente cos traballadores deste servizo ) presentamos no pleno deste concello de Vilagarcía unha moción solicitando ao goberno do concello  como primeiro punto a reunión urxente co colectivo de traballadores e os seus representantes para tratar e coñecer polo miúdo esta problemática, e tamén a reclamación  deste servizo a Xunta.  Pero a pesares que esta moción foi aprobada por unanimidade podemos comprobar, como unha vez máis, se queda en “papel mollado”. Non é de recibo que a día de hoxe o goberno de Vilagarcía non teña acatado  o mandato do pleno de atender a petición  de reunión feita polos traballadores das ambulancias. Non se pode entender que o alcalde da cidade máis poboada da comarca non este a dar importancia a un problema no que nos estamos a xogar a vida da cidadanía e poñerse ao fronte para reclamarlle este servizo a Xunta.
Nestes momentos temos en Vilagarcía un novo goberno do PSOE, un goberno que cando na oposición dicía compartir co BNG a necesidade de atención a este grave problema, para logo no goberno esquecerse do mesmo. Un goberno que durante a súa campaña electoral prometía mudar as cousas, para agora que pode facelo, continuar coa mesma política de prioridades do anterior goberno a costa de ignorar demandas tan fundamentais como esta.
Dende o BNG reclamámoslle ao alcalde de Vilagarcía e ao seu goberno, que dea a importancia que ten a este tema. Non se produce “o cambio” si non se cambian as prioridades, e neste caso as prioridades pasan , e deben de ser a saúde da cidadanía  por enriba de calquera outra.
É hora pois, que os nosos representantes no concello se impliquen nesta demanda da cidadanía, é hora que os gobernos fagan súas as necesidades dos seus veciños e veciñas, e non pode haber escusas, sobre todo, cando se nos pode ir a vida nisto.
*Voceiro municipal do BNG en Vilagarcía.
 

COA VIDA NON SE XOGA

Te puede interesar