Do público ao privado, e de ahí ao “dereito de pernada”

Nestes últimos tempos vimos comprobando como a forma de facer  negocios máis fácil e lucrativa esta a ser  a través da privatización de empresas públicas. Estamos  a ver como o mais rendible e que enche máis o peto dos amigos,  deses  que se sentan nos consellos de administracións,  e facer negocio a costa do público.
Un negocio fácil, que ven dado normalmente porque son empresas montadas a costa do heraldo público, que atenden necesidades de servizos básicos, e por enriba, teñen “dereitos adquiridos”.  Unha ganga que deixa en claro agravio e desvantaxe a calquera outra empresa.
En Vilagarcía estamos a ter unha clara mostra deste tipo de empresas e negocio con Adif. Estamos a sufrir nos feitos e nas formas como empresas como esta, que antes foron públicas e hoxe funcionan como entes privados, intentan facer negocio a costa dos intereses xerais e públicos, amparándose no poder da administración e apelando de forma perversa e “torticeira”  o  interese  xeral para amasar fortunas en mans privadas.
Un xa pensaba que as formas nas administracións tiñan variado daquelas que se aplicaban na época dos encoros, máis como parece, seguen a ser as mesmas. Os principios de  escopeta na man e “tira pa diante” parecen querer seguir funcionando.
No noso concello estamos a comprobar como por parte de Adif se pretende privatizar un espazo ate o  de agora público para facer negocio privado. Pretende levar adiante un proxecto de negocio con total menosprezo a cidadanía. Vemos como esta empresa segue adiante no seu empeño de privatizar o aparcadoiro da estación de trens, aínda que sexa a costa de  prexudicar aos veciños. Non se pode entender nin se debe permitir que se leve adiante un proxecto por parte desta empresa a costa de modificar e dificultar o trafico da contorna creando inseguridade, e a costa tamén de condenar aos veciños e veciñas a padecer uns problemas engadidos e creados por este proxecto. 
Neste senso, a rúa Praza da Estación foi deseñada para dar uso aos veciños e veciñas desta urbanización, e polo tanto, non soportaría a circulación de tráfico pesado nin un aumento importante na densidade do mesmo. Unha rúa que no seu día xa repisou, e como consecuencia  filtrou auga nos aparcadoiros destas urbanizacións causándolle un prexuízo aos seus veciños e veciñas ; unha rúa que non permitiría nin o cruce en dobre sentido nin as manobras de vehículos pesados. Unha rúa que en definitiva non ten nin o firme nin a configuración necesarias para permitir este tipo de tráfico. Ademais este proxecto do novo aparcadoiro tamén dificultaría a circulación da estación de autobuses, ademais de conxestionar, e aumentar con elo, a inseguridade na circulación do tráfico e  das persoas.
O lóxico e normal nun proxecto entre as administracións sería o de buscar o consenso e negociar solucións que teñan en conta e beneficien a cidadanía;  mais parece que esa non é a intención de Adif, que de forma teimuda e prepotente  pretende impoñer o seu proxecto para privatizar o aparcadoiro.
 Este é o motivo polo que dende o BNG instamos ao goberno do noso concello a que teña claro que fronte a política de  “oídos xordos” e “feitos consumados” que esta levando adiante Adif, é necesario aplicar a política de “pasos adiante” na defensa dos intereses do veciños e veciñas  do noso  concello. Que fronte a actitude de pasar por enriba dos intereses da cidade por parte desta empresa é preciso defender o verdadeiro  interese xeral de Vilagarcía de Arousa. E que  fronte ao menosprezo e prepotencia  dos poderosos e preciso a firmeza dos representantes da cidadanía na defensa dos seus intereses. 
*Voceiro municipal do BNG en Vilagarcía.

Do público ao privado, e de ahí ao “dereito de pernada”

Te puede interesar