A EXECUCIÓN E AS PRIORIDADES DOS INVESTIMENTOS

Eentendese que cando se elabora un orzamento faise fundamentalmente para  dar solución as necesidades da cidadanía ou atender os problemas existentes; e que tamén, e sobre todo,  se teñen marcado unhas prioridades  para dar solución aos mesmos. 
Falando de prioridades, no concello de Vilagarcía elaboráronse uns orzamentos nos que, entre outras cousas, se destinaba unha partida para o arranxo das casas da cultura e locais socioculturais das distintas parroquias de Vilagarcía de Arousa. Partida que dende o BNG consideramos insuficiente, e logo de propor o seu aumento conseguimos que se incrementase de xeito significativo.
Dende o BNG consideramos insuficiente esa partida, posto que , coñeciamos as moitas necesidades e problemas que teñen estes centros a través das propias asociacións de veciños e colectivos que fan uso das mesmas, e que o estado destes centros socioculturais é lamentable ( algúns mesmo en estado de semi-ruina). Coñeciamos tamén que solucionar estas necesidades e acometer o seu arranxo  era prioritario.
Logo de pasados uns meses estamos a comprobar como esa partida, que xa existe, a día de hoxe non esta a se utilizar de forma áxil e eficiente. Neste senso estamos a ver como os centros se seguen deteriorando, non ofrecen o servizo nas condicións que deberan, e supoñen unha carga e  problemas para as distintas asociacións e colectivos. Sen ir máis lonxe, vemos como segue a entrar auga no de Trabanca Sardiñeira, como o de Carril segue a estar practicamente inutilizado, como o de Guillán segue a ter os problemas de humidades,....e o de Rubiáns ademais de manter os problemas estruturais e de humidades, cada dúas por tres entran a roubar e deixan a esta asociación en situación de total indefensión e de precariedade, que mesmo ameazan con ter que pechar.
O caso concreto de Rubiáns resulta especialmente “sangrante”, xa que, ter que ver como de forma reiterada veñen sendo vítimas do vandalismo sen que se teñan tomado as medidas precisas por parte do concello e das administracións, produce un desasosego e impotencia  que os esta a levar mesmo ao desanimo para continuar na súa labor. Non é de recibo  que nunha situación como esta, sexan as asociacións e colectivos, que están esforzándose no dia a dia para sacar adiante unha actividade social, quenes  padezan o efecto e o escarnio do  vandalismo continuado, mentres o goberno do concello permanece co diñeiro na man e sen ter tomado medidas.
Gobernar ou xestionar  non consiste unicamente na función de xuntar ou adicar partidas; gobernar e xestionar debe ser, ademais, utilizar esas partidas de xeito eficiente e áxil, dando solución aos problemas da cidadanía e a tempo;  facilitándolle a mesma, e as distintas asociacións e colectivos, os recursos adecuados e de xeito para que poidan desenrolar as súas funcións ou actividades nas mellores condicións. Isto tamén debera ser o prioritario para o goberno. Pasaron xa algúns meses e o goberno de Vilagarcía debera xa tomar medidas para evitar que se sigan a dar situacións de desamparo nas que, a día de hoxe, están vivindo e padecendo moitos colectivos sociais do noso rural. Pasou, pois, o tempo das intencións e hora de dar solucións. 
*Voceiro municipal do BNG en Vilagarcía.

A EXECUCIÓN E AS PRIORIDADES DOS INVESTIMENTOS

Te puede interesar