Falta fundamento

Dende O BNG entendemos que os orzamentos deben servir para pór en marcha unha política encamiñada a crear as bases para atender as necesidades da cidadanía e mellorar a súa calidade de vida, para cimentar a través de proxectos concretos un futuro de mellora para a veciñanza.
E neste senso mantemos a nosa posición en contra destes orzamentos, posto que entendemos que desde o BNG non podemos aceptar a nova proposta orzamentaria exposta polo PSOE porque as partidas destinadas a cada unha das concellerías seguen a ser insuficientes e continuístas coa política de recortes do anterior goberno popular; ademais do que para nós resulta fundamental, non están enfocados a mudar o estado das cousas dende a raíz . 
Así, por exemplo en emprego aínda que se incrementaron partidas das nosas propostas, non pasan de ser meras cantidades que non están encamiñadas, como nós pretendemos, a proxectos que potencien os nosos sectores produtivos.  Esta nova repartición non esta encamiñada a poñer en práctica novas formas de gobernar e políticas que teñan como obxectivo principal a mellora da calidade de vida das vilagarciás e vilagarciáns, moi danada/prexudicada pola crise creada por estas políticas de dereitas . As urnas transmitíronnos un desexo: “gobernade para nós, para a veciñanza, e atrevédevos a cambiar a situación”. E con esta base orzamentaria non é posible. Seguimos pois co “pan para hoxe e fame para maña”
Tres son os eixes fundamentais para mellorar e facilitar a vida das vilagarciás e vilagarciáns e nos que a corporación municipal ten que implicarse e traballar sen escusas de ningún tipo: económico, laboral e social, e engadimos desde o BNG tamén o cultural e lingüístico (base da nosa identidade como país). Somos os representantes da nosa veciñanza e debemos actuar tal e como eles o farían no noso lugar, levando a cabo aquelas medidas que os benefician en todas as ordes da vida. 
A dinamización destes tres (catro se incluímos a política lingüística) ámbitos é fundamental para construírmos unha nova política municipal, coa que a cidadanía vilagarciá se sinta identificada e orgullosa, para que se sinta partícipe e actor protagonista do cambio. Eles son os que deben inspirar as nosas actuacións municipais. Sabemos que nos tempos de crise que vivimos estes presupostos supoñen aínda máis esforzo, pero debemos lidar cos atrancos porque temos que demostrarlle á cidadanía/ás mulleres e homes vilagarciáns que a corporación municipal tamén loita á beira dela. O PSOE debe facer o esforzo real de inversión reorientando e aumentar as partidas económicas para dar resposta ás necesidades da veciñanza. Emprego, industria, turismo, comercio, servizos sociais, educación, cultura, deporte, política lingüística, medio ambiente, aforro enerxético… precisan dunha base económica sólida para ir cimentando a nova política, centrada nas persoas, e desde o BNG consideramos que os orzamentos presentados polo PSOE non cumpren esta primeira premisa: solidez orzamentaria para  construírmos xuntos un futuro mellor para ás vilagarciás e vilagarciáns de hoxe e tamén do mañá.
*Voceiro municipal do BNG en Vilagarcía.

Falta fundamento

Te puede interesar