O que hai que ver!! (ao sr. Fole)

Un, cando leva un tempo xa na política, acaba por acostumarse a ver cousas raras, mais aínda así, as veces  hai feitos que  deixan a calquera abraiado. Teño que dicir, que a min pasoume este sábado co artigo do  voceiro do Partido Popular, Tomás Fole.  
Acaba de pasar o pleno dos orzamentos, e xa se comezan a visualizar as resacas. Resacas que polo que se ve ao sr. Fole e ao PP lle afectan  ate o punto de non saber levalas.  
Eu podo entender que alguén poida ter unha “perrencha” nun momento determinado, por exemplo: unha crianza cando non lle mercan o xoguete que quere, unha persoa que se sinte frustrada por non acadar o que pretendía,... ou xa postos, mesmo alguén que acaba de ter  un desengano amoroso. Mais de alguén que se pretende como representante político, o certo é que resulta moi difícil poder aceptar que iso poida dar pé para escribir un artigo tan cheo mentiras, exabruptos e insultos con total impunidade. Algo máis propio dun estilo “barriobaixeiro”, que de alguén que representa a un grupo político, e se supón, tería que basear o seu discurso en argumentar  politicamente (como neste caso ).
Pero vaiamos por partes: Eu non vou entrar en apelativos que se poñen na boca de outras persoas ou “corrillos” da rúa, pois sempre me pareceron propios de xente “mesquiña” e “covarde”; pero si que vou entrar, e sen que sirva de precedente ( pois non penso seguir contestando aos seus desvarios ), a desmentir falsedades e aclarar novamente a miña posición e a da miña organización sobre os asuntos que se mencionan no escrito.
Esta visto que o Sr. Fole na súa histeria desbocada, non entende ou non quere entender que o BNG e o seu voceiro actuamos coa única premisa de atender as necesidades e de mellorar a calidade de vida da cidadanía, e que neste senso non nos vamos deixar condicionar nin polo goberno nin, por suposto, polo PP. En todo caso, que o voceiro do grupo Popular se poida sentir frustrado polas reiteradas negativas do noso grupo as súas propostas de “fronte común” contra o goberno cada vez que entra na nosa oficina, dentro súa rolda de visitas  a oposición, non lle da  dereito a mentir e menos aínda ao  insulto persoal, por moita frustración que sinta. Que se lle meta na cabeza dunha vez, que nós ( O BNG) votamos por PRINCIPIOS e convicción, e polas razóns concretas que temos manifestado xa en numerosas ocasións. Sintetizareillo: NON os orzamentos porque os consideramos continuístas e non están enfocados a mudar o estado das cousas dende a raíz. E SÍ ao cambio de finalidade porque se trata de obras e actuacións que tanto a cidadanía como O BNG vimos demandando.
Si nos referimos a “veletas”, é vostede Sr. Fole quen debería explicar, por exemplo, o seu repentino interese por contar no pasado pleno cun concelleiro que presentou a baixa voluntaria e do que ate o de agora vostede, e pleno tras pleno, non deixou de “invitalo” a que se fose. Un pode ter visto declaracións de amoríos ou de “arrimes” e “desarrimes”, como a vostede lle gusta chamalos, pero como esta “pasión repentina” ningunha. 
Tamén é vostede quen tería que centrarse en explicarlle a cidadanía o voto en contra a obras tan necesarias e que a mesma ven demandando dende fai tempo, e neste caso, por exemplo: aos pais e nais do CEIP de Rubiáns, polo non ao seu ximnasio; aos praceiros, polo non a ampliación da praza, aos usuarios dos centros sociais e casas de cultura do rural, aos veciños e veciñas do rural polo non as obras de mellora, aos veciños polo non as obras de saneamento e da modificación do PXOM ....etc. Porque no noso grupo sempre tivemos claro a nosa posición de demanda e apoio a estas reivindicacións. Para o PP e vostede, polo que se ve, non son necesarias ou dá prioridade a outras cuestións que non ten aclarado. Para min esta claro, nin as quixo facer durante o seu mandato nin quere que se fagan. Nin se gañou o soldo antes nin o esta a gañar agora. Séguenos saíndo vostede moi caro á  cidadanía.
Sobre o funcionamento da nosa organización non vou a molestarme moito en explicarlle, posto que esta visto que vostede non parece entender nada sobre o funcionamento democrático dos partidos. So aclararlle que éste voceiro (quen escribe) atopase ben orgulloso de militar no BNG, que votou NON os orzamentos ao igual que os demais compañeiros e compañeiras, que seguirá sendo quen máis se empeñe en levar os temas para que sexan discutidos e participados por toda organización; e que, se algunha vez se decidise por parte da mesma tomar unha posición distinta da miña, sentiríame o mesmo de participe dela e defendería con total convicción como propia, e nin moito menos me sentiría desautorizado, si non que polo contrario, moi satisfeito de que se tomase democraticamente. O dito, sobre este asunto non teño a mais mínima confianza que vostede o entenda.
Para rematar, permítame  aconsellarlle que asuma canto antes, que no noso grupo do BNG non vai atopar apoios para “frontes comúns” coa única fin de paralizar ou impedir melloras para a nosa veciñanza. Evidentemente trátase dun consello, pois en definitiva, atopase na súa man o de tranquilizarse e  gañar en saúde, ou seguir en caída libre na súa histeria e  seguir facendo o ridículo co seu “CIRCO do esperpento”.
*Voceiro municipal do BNG en Vilagarcía.
 

O que hai que ver!! (ao sr. Fole)

Te puede interesar