miércoles 28/10/20

A HUMANIDADE COMO UN “DANO COLATERAL”

E   stamos a ver dia tras dia  como a barbarie se impón

E   stamos a ver dia tras dia  como a barbarie se impón neste mundo cada vez máis deshumanizado. Vímonos afacendo ao feito que diariamente se nos informe de mortes, masacres e mesmo xenocidios de homes, mulleres e crianzas ate case narcotizarnos e sen que ningún goberno faga nada por evitalo.
Vimos asistindo a creación de conflitos e guerras que están a provocar catástrofes humanitarias sen precedentes. Conflitos armados que están a envolver ao noso planeta nunha espiral de traxedia e morte de persoas inocentes, e  fundamentalmente dos máis débiles.
E diante desta situación xorden as preguntas de Quén e o porqué desta barbarie. Un non pode deixar de preguntarse quen promove estes conflitos e que intereses os moven a facelo. E neste punto é onde un pode acadar os maiores arrepíos e a maior carraxe. 
Preguntas como: quen move os negocio das armas?, quen se lucra do negocio do petróleo, gas e demais recursos naturais?, quen se lucra refacendo o destruído?... poden axudarnos a dar co problema real e de cal sería a súa solución . Tamén feitos, como que o diñeiro das bombas que matan en Europa,  en Siria e demais países en conflito seguramente acaben no mesmo peto, axudan a confirmar que toda este traxedia sanguenta que nos invade esta movida polos mesmos intereses aínda que se pretendan disfrazar con diferentes “causas”.
Cun pouco que afondemos darémonos conta que os grandes intereses económicos son os únicos que realmente están a sacar proveito a costa desta traxedia humana. E que os principais criminais son aqueles gobernos que colaboran nestes negocios a costa de tinguir de sangue de inocentes o noso planeta. Gobernos supeditados aos grandes poderes económicos que teñen como única meta o poder da riqueza económica, e como non, o reparto das ganancias e as portas xiratorias.
Deberan ser os gobernos, polo tanto, quen terían que atender a defensa da cidadanía e impedir estas masacres. Non se pode permitir que se estean a promover guerras para que uns poucos desalmados se senten a contar as fortunas que  amasan a costa das mesmas e de toda a “miseria” que producen. Fortunas que crecen na mesma proporción que as mortes que ocasionan (máis bombas, máis mortos, máis ganancias  ou máis bombas, máis destrución, maior negocio e espolio). 
Hoxe novamente as institucións e tamén o noso Concello de Vilagarcía de Arousa tiveron que pedir un minuto de silencio en repulsa contra a masacre producida polos atentados de Bruxelas. Un xesto que todos compartimos e agradecemos se promova,  aínda que o consideremos insuficiente.   
Un xesto foi tamén o que pedimos dende o BNG fai uns días a esta institución ( ao goberno do noso concello ) coa baixada da bandeira da Comunidade Europea contra a decisión de non atender e expulsar aos refuxiados destes países en conflito. Decisión da UE vergoñenta que ademais de ir en contra da legalidade internacional, aumenta enormemente o drama que están a sufrir milleiros de miles de persoas, e que mesmo contribúe en aumentar esta traxedia humana e aumento no número de mortos. Un xesto que noutros gobernos e outros concellos si realizaron, máis que aquí no concello de Vilagarcía de Arousa, tristemente non se tivo en consideración por parte deste goberno. Unha decisión que  mesmo pode parecer como si unhas mortes non tivesen o mesmo valor que as outras a nivel institucional. Que a nivel institucional estas traxedias que están a sufrir no chamado terceiro mundo non tivesen o mesmo valor que as sufridas na Europa ou nos países desenvolvidos.
 A cidadanía non deberíamos permanecer impasibles diante desta barbarie, debemos procurarnos gobernos que rachen con estas políticas submisas aos grandes poderes económicos, e que dan prioridade a estes intereses fronte a vida das persoas. Precisamos pois gobernos e institucións que vaian máis aló dos xestos e se acheguen ao fondo deste problema, que  atendan como prioritario o respecto da vida, a atención e axuda aos máis desfavorecidos e a solidariedade internacional entre os pobos e non permitan que os intereses económicos duns desalmados convertan a humanidade nun dano colateral. 

Comentarios