OS IMPOSTOS, A XUSTIZA SOCIAL, A EVASIÓN E OS ALPENDRES

Un entende que os impostos son un instrumento necesario para o desenrolo dunha sociedade; mais tamén, que os mesmos deben servir para contribuír a impoñer a xustiza social . Neste senso deberían de ser progresivos, ou o que ven sendo, que pague máis quen máis ten. Deste xeito mesmo poderiamos dicir que un estado ou goberno non e xusto, solidario, e mesmo democrático, si os seus impostos non o son.
Pero estamos a ver como decotío a realidade nos mostra como impera a inxustiza neste asunto, e mentres os grandes capitais e fortunas usan subterfuxios para non contribuír e evadir os impostos, as clases populares e os máis desfavorecidos vense na obriga de pagar dunha forma inxusta e moitas veces “ sangrante”.
O IBI ( imposto sobre os bens inmobles ) é un dos principais impostos polos que contribuímos os cidadáns de a pe, un imposto que debería gravar a riqueza que posuímos no relativo a bens inmobles; e polo tanto un dos impostos que máis deberían axudar e contribuír para acadar esa xustiza social.
Pero co goberno do PP tense producido o “catastrazo”, mediante a aplicación dunha valoración ( ponencia de valores ) baseada na especulación inmobiliaria que fixo pagar aos cidadáns  fortes cantidades pola súa vivenda.  Ben pois si nada máis chegar ao goberno o PP nos fixo pagar por unha valoración desorbitada, agora pretende aplicar a segunda parte dese “catastrazo” escudándose na” regularización” para seguir sangrando aos máis débiles.
Deste xeito o goberno do PP escudándose nesta “regulación” esta a cometer unha nova tropelía contra a xente do rural.  Parece lexítimo que quen ten unha explotación non declarada deba facelo. O problema é que a actuación de Facenda está tratando como explotacións económicas edificacións que non teñen ese carácter. Así, por exemplo, os pendellos para gardar leña para a casa, os alpendres para gardar a maquinaria, as palleiras, os alboios,… tributarán como superficie construída de explotación económica, coma se neles se desenvolvese unha granxa. A Administración da por feito un suposto no seu beneficio; obrigando ao interesado a ser quen teña que pelexar para que se corrixan estes desmáns administrativos. E todo porque se parte da premisa de considerar como tal toda edificación diferente de vivenda no entorno rústico.
Tamén o método de traballo, que esta baseado no contraste de fotografías aéreas co debuxo catastral, non permite saber que hai debaixo do tellado de uralita que se ve dende o aire; e  a medición aproximada, sempre dá problemas de cabida, saíndo  metros de máis en contra do/a contribuínte. Esta claro que este método coas premisas que aplica non resulta o mellor para o noso rural. Polo tanto o apropiado sería un redeseño deste imposto adaptado á realidade rural galega onde se teñan en conta estas variables, se cambie de método e/ou premisas,  e se busque gravar a riqueza alá onde existe. 
Non é de recibo que os mesmos ministros que evaden creando empresas en paraísos fiscais, impoñan leis para que a xente do común e máis desfavorecida teña que pagar por alpendres como si tivese un piso na Gran Vía. Non é de recibo pretender aplicar unha lei  creada seguramente coa excusa de gravar as grandes mansións espalladas polas distintas “Marbellas” para logo aplicarllas aos alboios do rural galego, e deixando aos primeiros campar as súas anchas.
En Vilagarcía de arousa estase a preparar este imposto por parte do Concello para o próximo exercicio, deberíase polo tanto, na medida que a lei o permita modificar e tratar de correxir este despropósito. O sistema de corrección que teñen os concellos, establecendo deducións ou bonificacións é imperfecto; primeiro, pola falta de competencia para axustar a realidade catastral ao estimado; e segundo, porque o IBI é nestes tempos unha fonte de ingresos estable á que non poden renunciar. Aínda así, cabería establecer: supostos de non suxeición ao imposto en casos de volumes sen valor económico ou destinadas ao autoconsumo; deduccións/bonificacións obxectivas en instalacións agrarias en función do emprego que xeren, do seu carácter ecolóxico ou a incorporación de sistemas de eficiencia enerxética; e subxectivas cando se trate de titulares xubilados, familias numerosas con poucos recursos, novas incorporacións á actividade agraria, ou de unidades familiares complexas (compañías familiares),… É preciso pois, parar e cambiar esta lei para adaptala a realidade galega, que teña en conta a especificidade do entorno, que paguen máis aqueles que teñen as mansións ou grandes explotacións, e non criminalizar nin “sangrar” economicamente aos de menos recursos que manteñen o noso rural. E dende o noso Concello deberase utilizar toda a súa competencia para colaborar en  facer máis xusto este imposto para os nosos veciños e veciñas. 
*Voceiro municipal do BNG en Vilagarcía.

OS IMPOSTOS, A XUSTIZA SOCIAL, A EVASIÓN E OS ALPENDRES

Te puede interesar