A NOSA INDUSTRIA CULTURAL SEGUE NO CAIXÓN

O pasado día 23, deste mes de abril, vimos de conmemorar o día do libro. Unha data de moita transcendencia, sobre de todo na situación actual, onde os medios audiovisuais e informáticos teñen afastado aos medios escritos da gran maioría da sociedade, especialmente das novas xeracións.
Unha data tamén de vital importancia para unha industria cultural escrita como a nosa que, aínda que das máis ricas no creativo segue a ser afastada dos grandes circuitos de venda e tamén ocultada ( ao igual que todo o que teña que ver coa nosa cultura e lingua ) polo poder centralista e españolista que nos domina.
Unha data, pois, que nos debera servir para reivindicar ese lugar do que é merecedora a nosa cultura e os nosos autores. Unha cultura que pariu innumerables creadores e merecedora de estar entre as mellores a nivel universal. Así como tamén a nosa industria editorial que precisa de todo o apoio institucional para poder enfrontarse ás trabas coas que se atopa en tódolos ámbitos.
Temos, pois, escritores na nosa lingua, creadores de cultura do mellor nivel, que non renegan senón que senten orgullo do noso idioma; e unha industria do noso libro moi recoñecida polo seu nivel, mais que ten que pelexar con tódolos atrancos que dende as políticas do poder lle impoñen. Paus e máis  paus nas rodas. 
A pesares de ter a oportunidade de acoller e amosar, neste día do libro, esta riqueza cultural da que somos parte,en Vilagarcía voltou  a reproducirse de novo o agravio. Así, fronte a proposta que se lles fixo a este goberno por parte da Fundación Manuel María para a realización dun acto, dende o goberno deste concello preferiron acoller aqueles que máis representan a negación do noso, os que fuxiron a capital, asumiron o centralismo e colaboraron en propagar a nosa falsa imaxe como provinciana e atrasada. E que solo se lembraron do noso país para encher o bucho ou o peto.
Unha vez máis, a nosa cultura foi afastada polo poder e relegada polo goberno de Vilagarcía do circuíto oficial. Non foi merecedora para o noso goberno, máis que para ocupar un lugar no caixón do esquecemento.
Tivo que ser de novo a xente do pobo quen realizase a homenaxe aos nosos creadores, iso si, nunha cafetería porque os salóns con alfombras roxas e naftalina xa estaban reservados, para os “domesticados” que se arrimaron sempre ao poder.
Fronte a este intento dos distintos gobernos de seguir a querer silenciarnos de forma discreta, para pasar a ser un recordo, que se cadra se lle saque o po en algunha efeméride; houbo un acto da xente que cree: emotivo, cheo de riqueza cultural, de forza e tamén de reivindicación e rebeldía. Porque, como sempre, seguiremos a rebelarnos contra esa militancia dos  que pretenden afogarnos. 
*Voceiro municipal do BNG en Vilagarcía.

A NOSA INDUSTRIA CULTURAL SEGUE NO CAIXÓN

Te puede interesar