A NOSA ROSALÍA

Acaban de  cumprirse 179 anos do nacemento de Rosalía de Castro, e a pesares de pasaren case dos séculos deste feito, a súa obra e o seu pensamento segue a estar con forte vixencia na actualidade e  pode contribuír a recuperar o orgullo de quen somos e o recoñecemento da nosa lingua como expresión xenuína do pobo galego. 
Lembremos que estamos a falar dunha escritora radical, culta, feminista e comprometida co noso país, coas súas clases populares e cos sinais de identidade da Galiza, entre os que se atopa o galego, que hoxe debido as políticas que están a ser aplicadas polo PP,  atópase especialmente ameazado. 
Neste senso Rosalía de Castro  non só é a escritora máis representativa da lingua e da literatura galega, sinón  que xa no seu tempo,  marcou o camiño a seguir ao iniciar o proceso de recuperación dos usos do galego co claro obxectivo de lle devolver a dignidade do que fora desposuído. 
A publicación do seu libro Cantares Gallegos, o primeiro escrito integramente no noso idioma, sinala o inicio da restauración do uso escrito da nosa lingua, e o final de séculos de silencio e esquecemento. 
A recuperación literaria e lingüística da Galiza ten unha enorme débeda, polo tanto coa súa obra, que marca a ruptura da marxinalidade do galego e desafía a sociedade do seu tempo a través dun discurso na defensa da terra, da súa xente e dunha lingua que merece continuar a ser transmitida de xeración en xeración e ser utilizada en tódolos ámbitos para contribuír, desde a súa singularidade, ao saber universal .
Nuns tempos nos que, debido a política de ataques constantes por parte dos gobernos do PP, e nos que os datos  indican un alarmante descenso no uso do galego, a difusión do coñecemento da súa obra , faise máis que nunca necesaria para as galegas e os galegos, en especial para as xeracións máis novas, pois nos seus textos achamos procedementos e argumentos para fomentar a utilización da nosa lingua, achegarse á nosa idiosincrasia e comprender a nosa identidade cultural.
Son as distintas administracións da Galiza ( Xunta, concellos, deputacións, ... ) as primeiras  na obriga , tanto  de dar a coñecer a súa obra, así como tamén de pór en practica o seu pensamento,  e neste senso, recoller o relevo do que ela iniciou e poñer en valor a nosa cultura e a nosa lingua aplicando as políticas necesarias para a posta en valor do noso patrimonio cultural, e por suposto o noso idioma. Son ademais os gobernos e  as distintas administracións ( Educación, xustiza, sanidade, cultura,... )  as responsables de que poidamos exercer o noso DEREITO de expresarnos e poder vivir en galego. 
Aquí no concello de Vilagarcía tense realizado algunha actividade, das moitas propostas feitas polo BNG ao novo goberno, mais as mesmas non pasarán de ser “simbólicas”, si non se pon en marcha unha política real e efectiva para o fomento da nosa cultura e do noso patrimonio. Mais hoxe por hoxe este goberno do PSOE de Vilagarcía esta lonxe de querer valorar a nosa cultura, pois nin se molesta en utilizar a nosa lingua nos actos públicos, nin tampouco cumprir coa Lei de Normalización Lingüística. 
Pouco ou nada se pode potenciar si non se comeza por un mesmo. Si de verdade se quere potenciar a nosa cultura terán que comezar por falar na nosa lingua. Non basta, polo tanto, con lembrar dalgún xeito unha efeméride, é preciso traballar tódolos días na defensa e dignificación da nosa cultura empezando por un mesmo.
Pois o mellor homenaxe que lle podemos facer a nosa Rosalía é a de recoller o seu exemplo e facer nosas as súas inquedanzas.
*Voceiro municipal do BNG en Vilagarcía.

A NOSA ROSALÍA

Te puede interesar