O PORTO E AS BARREIRAS AO MAR

Vimos de asistir estes días a demolición do Acuario (Centro de interpretación da ría de Arousa) na nosa praia; ao derrubo dun edificio con un valor arquitectónico importante pero mal situado. Un edificio que no seu día pretendía cumprir unha función interesante, mais a costa de causar un prexuízo converténdose nunha barreira, e tamén partindo en dúas a principal praia da nosa cidade.
Este derrube do CIRA para os que vimos reclamando recuperar a nosa costa, as nosas praias e abrir Vilagarcía  ao mar supón un avance, aínda que sexa a costa de prescindir dun edificio con un valor arquitectónico. O feito de eliminar da praia un elemento que obstaculiza e impide o seu total disfrute debe servir para alegrarnos. Valoramos máis o que gañamos, que aquilo que podemos ter perdido.
Mais esta pequena vitoria non pode ser ensombrecida con outras actuacións que nos leven no camiño contrario. Neste senso non sería entendible por parte da cidadanía que se gastase  unha parte importante do diñeiro público en derrubar unha instalación ( que ademais tiña un valor arquitectónico importante) coa fin de recuperar a nosa praia e o noso litoral, para de seguido volver a construír no seu entorno.
As administracións, tanto o Concello coma o porto deberán ser responsables e aprender dos erros do pasado; ter claro o que a cidadanía demandamos e que tipo de cidade se quere. Queremos un modelo de cidade que recupere o mar como elemento fundamental, precisamos que  Vilagarcía pase a ser unha cidade que volva a formar parte da ría de Arousa e viva de cara o mar. Recuperar a fachada marítima para o noso disfrute debe ser, polo tanto, o principal obxectivo.
Vilagarcía de Arousa debe de ser aquilo que os seus cidadáns reclamen, e neste senso as administracións deben de acatar  este mandato; e  así pois, tanto os representantes e goberno do concello, como por suposto a autoridade portuaria deberán de actuar de acordo ao mesmo.
Non é polo tanto de recibo que por parte da autoridade portuaria se pretenda vender terreo público para fins privados e que ademais os mesmos teñan como consecuencia contradicir esta pretensión de modelo de cidade. Poida que nesta cidade se precisen máis prazas hoteleiras mais non é o sitio. De novo volveríase a cometer o mesmo erro de utilizar  unha necesidade e situala erroneamente, outra vez ademais, utilizaríanse terreos públicos para favorecer intereses privados en contra dos intereses xerais da cidadanía.  De novo o privado primaría sobre o interese  público.
Vilagarcía conta con innumerables sitios e mesmo edificios onde poder construír hoteis, por elo  non ten que ser nos terreos portuarios nin a costa de volver a hipotecar a nosa fachada marítima. O porto pois debe entender que non é un ente alleo e que forma parte dunha cidade que ten o seu propio proxecto, e como parte,  debera compartilo; do mesmo xeito que  o goberno e representantes da cidadanía no concello teñen o deber de executalo e levalo adiante. Hoxe por hoxe o noso proxecto de modelo de cidade pasa por abrir Vilagarcía ao mar, por derrubar barreiras e non por construír na fachada marítima. Nin a Autoridade portuaria (Porto), polo tanto, pode pretender impoñernos un hotel que contradí o modelo de cidade proxectado e vai en contra das necesidades da cidadanía de Vilagarcía, nin o goberno do noso concello debe permitir que se constrúa hipotecando dito proxecto de cidade. 
*Voceiro municipal do BNG en Vilagarcía.

O PORTO E AS BARREIRAS AO MAR

Te puede interesar