A SUPERVIVENCIA DA NOSA CULTURA

Alguén puidera pensar que en Vilagarcía de Arousa non existe un movemento cultural de seu, mais a realidade é ben diferente. Vivimos nun concello no que a creatividade artística asoma  de xeito constante, e  con multitude de  colectivos e creadores/as que loitan por saír adiante nun mundo como o da cultura, hoxe afastado e esquecido polas administracións.
No noso concello, non temos un problema de calidade e de cantidade de creadores/as, pois existe unha canteira riquísima en calquera dos ámbitos da cultura.  Temos excelentes pintores/as, escritores/as, escultores/as, artesáns/ás, deseñadores/as, músicos de todo tipo, actores e actrices,... . Pero fáltalles traballo.
Vivimos nunha cidade e concello moi rico a nivel cultural, e que de sempre ten aportado numerosos/as creadores/as en tódolos campos da cultura, pero que nestes últimos anos ven  padecendo un problema de recoñecemento que se traduce na falta de axudas e de traballo co que poder saír adiante. Non se conta cos nosos creadores de xeito suficiente nas distintas programacións; prográmanse as actividades culturais contando fundamentalmente cos de fora en detrimento dos nosos. 
Unha cidade non é rica, si culturalmente non  o é; e nós temos a gran sorte de ser unha cidade rica neste apartado grazas ao esforzo de moitas/os creadoras/es. Porque a día de hoxe pretender saír adiante no mundo da cultura e vivir da mesma, estase a converter para os/as nosos/as artistas nunha aposta moi ariscada que normalmente implica unha vida de subsistencia e malvivir, e require un exercicio de valentía e esforzo persoal que poucos poden soportar.
Fronte a este esforzo dos nosos artistas, vemos como dende  os gobernos do noso concello se seguen a levar adiante  programas culturais e de festexos organizados dende outras administracións, e as veces, impostos por  empresas privadas. Imposición que polo xeral vai ligada os intereses económicos das propias empresas e promotoras sen ter en conta as necesidades das distintas localidades.  Programacións que ademais, a maioría das veces, acaban custando moito diñeiro e supoñen un desproveito dos fondos públicos e do diñeiro da cidadanía que finalmente non repercute nin axuda aos artistas nin tampouco na promoción da cultura do lugar concreto; como por exemplo ven sucedendo no noso concello.
En Vilagarcía de Arousa non podemos permitirnos que esta riqueza se esmoreza por non atender  as necesidades que os nosos artistas precisan. É necesario planificar  e dar a coñecer  a nosa cultura, axudando e dando traballo  aos nosos/as artistas. Eles tamén precisan comer.
Precisamos unha planificación cultural que teña como obxectivo non só enriquecernos culturalmente, si non que ademais contribúa a dar traballo e mellorar economicamente aos nosos/as creadores/as, porque  con elo, tamén contribuiremos a mellorar a economía da propia cidade. E para que esta planificación sexa o máis efectiva deben participar da mesma as/os propias/os creadoras/es e colectivos, pois eles coñecen mellor que ninguén as súas necesidades.
Este é o  motivo polo que dende o BNG entendemos necesario que de forma urxente, este novo goberno do concello, debe constituír  unha comisión municipal da cultura onde o sector posúa un papel fundamental a hora de decidir como planificar e organizar a cultura no noso concello. Que os nosos colectivos e artistas teñan voz e VOTO para programar este futuro cultural tan rico que posuímos e o que pertencen. Unha riqueza por  explotar. 
*Voceiro municipal do BNG en Vilagarcía.

A SUPERVIVENCIA DA NOSA CULTURA

Te puede interesar