Martes 20.11.2018

TECERMOS CONSENSOS

Os inquéritos amosan con claridade que o tempo das maiorías 

Os inquéritos amosan con claridade que o tempo das maiorías absolutas están xa para pasar á historia. Aquelas xogadas electorais onde un 27 por cento do censo (43-45 por cento dos votantes) acadaba nas institucións o poder da maioría absoluta semella que van ser cousa do pasado. E teño para mín que a sociedade non vai sentir mágoa ningunha por esta evolución dos tempos.
As maiorías reforzadas (absoluta, tres quintos…) deseñáronse na Constitución e no Estatuto de Galicia para chegarmos a acordos, para tecer consensos. Non, de certo, para que chegase Rajoy e modulase ao seu xeito os Tribunais Constitucional e de Contas e, por vía indirecta, o Tribunal Supremo.
Nin tampouco para que o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijoo, puidese recurtar a sanidade ou modificar o “status” do Consello de Contas dende a lexitimidade de orixe duns votos que son aptos para gobernar o día a día, mais non para modificar as regras da convivencia.
Velaí o tempo apaixoante da verdadeira política. Aquela que obriga ás distintas forzas políticas e sociais renunciar parte do seu ideario e aquelar axendas transversais con outras forzas e sensibilidades.
A que obriga a construir espazos de diálogo e participación, a que proscribe o “ordeno y mando”. A que ve na gobernanza unha ferramenta de inclusión e cohesión social e non de división e enfrontamento, coma fixeron os últimos Gobernos conservadores e varios dos autonomeados “`progresistas”.
Esteamos ou non dacordo, un destes exemplos é o do pacto asinado este día en Catalunya polos partidos CDC e ERC, que quixeron abranguese ás CUP e outras forzas non nacionalistas e, tamén, a organizacións sociais coma a ANC e Omnium Cultural.
Porque outra das características do paradigma que vén é o protagonismo das forzas sociais e cidadás, canda as forzas políticas.
Compre tecermos consensos. E, na nosa Galicia, urxentes son o do pacto galego polo crecemento, o consenso a respecto do réxime local, o pacto polo territorio, o medio rural e o ambiente e o pacto pola lingua e pola educación.
Sabermos tecer eses acordos, voltarmos á idea que para gañar uns temos que gañar todos, é a chave do noso futuro económico e institucional.

TECERMOS CONSENSOS
Comentarios