Aldraxe á Coruña

cando un peirao deixa de server para o uso portuario o normal é que se lle devolva ao público, á cidade onde se atopa o porto. Velaí o ocorrido coas experiencias de ampliación urbana de Bilbao, Valencia ou, na linde bretoa, do porto de Nantes-St. Nazaire. Nin nestes lugares nin en Xixón pretendeu ninguén que cadansúa cidade pagase o correspondente porto exterior ou ampliación portuaria, senón que as Administracións Públicas con competencias concorrentes asumiron consorcialmente a urbanización e humanización destes terreos desafectados, dàndolle preeminencia absoluta aos equipamentos públicos.
E as novas infraestruturas portuarias foron pagas polo Estado, que tamén vai botar ao lixo 5000M€ resgatando as faraónicas autoestradas radiais de Madrid.
Velaí que o acordo entre a Xunta, o Ministerio de Fomento e a Autoridade Portuaria d’A Coruña constitúa unha gravísima aldraxe material e formal, “por el fuero y por el huevo”. Material porque vai privatizar o peirao de San Diego, que constitúe o 80% dos terreos portuarios a desafectar no futuro. Formal porque o acordo negociouse de costas á cidadanía, sen a presenza do Concello e do alcalde, lexítimos representantes da Cidade. A Coruña vai sofrir un despoxo patrimonial gravísimo sen que os Gobernos galego e español lle consultasen. Calquera europeo ficaría pampo, porque esta caste de comportamentos son impropios das democracias.
E a exclusión municipal ten a súa orixe na natureza dos intereses que defenden a Xunta e o Estado nesta operación inmobiliaria. Uns intereses que non son os da cidade nin os da cidadanía. O alcalde propuxo un consorcio para desenvolver no peirao de San Diego un grande espazo dedicado ás infraestruturas públicas, a unha estación ferroviaria de proximidade e á dinamización económica en actividades vencelladas ao mar e ás novas tecnoloxías. Núñez Feijóo e De la Serna semella que prefiren os intereses dos promotores inmobiliarios privados.
A cidade demostrou en maio do 2017 que está disposta a defender o seu patrimonio. A maioría absoluta do Pleno (só o PP votou en contra) rexeita esta operación. A cidade esixe do seu alcalde un liderado histórico, porque o futuro económico e a propia dignidade d’A Coruña están en xogo.

Aldraxe á Coruña

Te puede interesar