Sábado 17.11.2018

A campaña da represión

O 27-O o Parlament aprobou a declaración da República catalá,

O 27-O o Parlament aprobou a declaración da República catalá, mais axiña viuse que a declaración era só simbólico-política. Ninguén fixo nada por implementar na orde práctica esta declaración política. Nese mesmo serán, o Goberno do Estado disolvía a Cámara catalá, convocando eleccións para o 21-D, e cesaba ao Govern.
Eran medidas que sobardaban absolutamente o marco do artigo 155 da Constitución, que permitía intensas medidas de intervención do autogoberno, mais nunca a anulación do autogoberno. Porén, as Institucións catalás asumiron o seu cesamento sen reaccionar con medidas de desobediencia pacífica.
Así e todo, o falecido fiscal xeral instaba querela contra dos membros do cesado Govern perante a Audiencia Nacional (AN) por uns inexistentes delictos de rebelión e sedición (non houbo violencia ningunha en ningún intre e este elemento é esencial a estes dous delictos) e a maxistrada Lamela enviou ao vicepresidente Junqueras e aos conselleiros todos ao cárcere, como fixera días antes cos Jordis. Ao tempo, ditaba unha orde europea de detención contra Puigdemont e os membros do Govern que ficaran canda él na Bélxica.
Co tempo, o Tribunal Supremo, que instruía a querela contra da Mesa do Parlament xuntou as dúas investigacións da AN que tiñan por investigados aos membros do Govern e aos Jordis. E retivo no cárcere aos propios Jordis, ao vicepresidente Junqueras e ao conselleirodo Interior, J. Forn, por considerar que éstes podían reincidir en condutas delitivas violentas. Onde viu o maxistrado Llanera esa violencia nas semanas pasadas?
Mais o verdadeiramente rechamante foi a retirada, polo mesmo maxistrado instrutor do TS, da eurorde de detención a respecto de Puigdemont e dos outros conselleiros transeúntes. Semella que as supostas gravísimas condutas que manteñen Junqueras, Forn e aos Jordis no cárcere non han ser perseguidas, malia todo, fóra do Estado español. Había medo no TS de que os xuices belgas rexeitasen as euroordes?
Catalunya enfronta unhas eleccións ilexítimas na súa orixe e desenvolvidas até arestora sen as mínimas garantías democráticas, cos principais candidatos de ERC e Junts por Catalunya no càrcere ou no exilio. Hai presos políticos e paira a idea, non cinguida ao ambito catalán, de que os donos do chiringuito, os que moven o tripartito dinástico, racharán as regras de xogo sempre que lles conveña.

A campaña da represión
Comentarios