O castelán non precisa defensa

Cando Núñez Feijóo acadou outra maioría absoluta este verán, moitas das análises de fóra da Galicia, mesmo non poucas de medios cataláns e vascos, sinalaban como unha das chaves a suposta priorización do país sobre a sinaléctica PP (“Galicia, Galicia, Galicia”) e máis unha mensaxe aparentemente afastada do mainstream españolista do PP madrileño, de Vox e de Cs, verbalizando sen maiores compromisos reais  un esvaído discurso de aceptación do galego como parte do patrimonio da galeguidade. Velaí que extrañara, dende esa caste de enfoques, a chocante agresividade do presidente galego fronte á solución lexislativa pactada no Congreso que permite a cada Administración autonómica a escolla da súa lingua vehicular, suprimindo a obriga do castelán para todo o Estado que impuxera a Lei Wert,  aprobada só cos votos do PP na lexislatura 2012-2016.

Analisada no contexto político actual a actitude de Feijóo é chocante. A emenda aprobada no Congreso non lle impón á Administración galega ningunha solución. O que lle da é máis  marxe de manobra. Pode ir cara un sistema de inmersión lingüística, mais tamén pode seguer co fracasado modelo actual. Por outra banda, o castelán é omnipresente e non precisa de protección ningunha, fronte ao galego que se atopa nunha grave situación de minorización, xerada en boa parte polas restricións normativas estatais e autonómicas ao seu pleno status de oficialidade. De feito o Consello de Europa ten denunciado o incumprimento da legalidade europea (“Carta Europea das Linguas”) por parte da Xunta, que veta na práctica o galego no ensino infantil e prohíbe dar aulas de matemáticas, física e química en galego.

Xa que logo, neste contexto a actitude de Núñez Feijóo afástao dos políticos  moderados e útiles, que tentan xerar inclusión e cohesión social, como Urkullu ou os mesmos populares Pedro Puy e Xesús Palmou e achégao aos políticos dos excesos verbais, que xeran división social e non achegan solucións, como Abascal, Rosa Díaz ou Tony Cantó.

A actitude contra o galego de Feijóo enténdese, porén, en clave de distraer a atención da xestión sanitaria que está a desenvolver a Xunta. Porque nesta segunda ondada da pandemia Galicia ten ampla autonomía para desenvolver as súas solucións e botarlle as culpas ao Goberno do Estado xa non é a solución válida para todas as situacións. A evolución epidemiolóxica de Galicia non evolúe ben e soubemos esta semana que a Xunta faltara a verdade cando proclamara contar con 6.000 persoas rastrexadoras; só eran 700. O resto é persoal de atención primaria do SERGAS, totalmente ultrapasado na súa capacidade de resposta. Núñez Feijóo sabe que arestora é él quen está á fronte e que a resposta preventiva ten moitas eivas, nomeadamente nos centros de ensino de nas residencias da terceira idade.

O máis grave desta desaquelada opinión presidencial é que achega o PPdeG ao extremismo lingüístico de Vox, Cs e do PP de Madrid.  E envían a clara mensaxe de que o Goberno galego non está nin polo uso nin pola promoción da única lingua que require de políticas de defensa e promoción neste país. 

O castelán non precisa defensa

Te puede interesar