Cen anos de nacionalismo galego

Tendo a Galicia todal-as caracteristicas esenciaes de nazonalidade, nós, nomeámonos, d-oxe pra sempre, nazonalistas galegos, xa que a verba rexonalismo non recolle todal-as aspiraciós nin encerra toda a intensidade dos nosos problemas”. 
Manifesto da I Asemblea Nacionalista de Lugo; 18.11.1918.
Cúmprense cen anos da Asemblea Nacionalista de Lugo, na que o galeguismo prenacionalista que operaba dende o Rexurdimento definiuse en diante como nacionalista por considerar Galicia como nación. Esta Asemblea xuntou case cen entidades culturais e concellos, sobranceando entre elas as Irmandades da fala constituídas, a máis antiga a d’A Coruña. E xuntaba tamèn un galeguismo de clara raigame progresista e demócrata, herdeiro de Murgía ou Vicetto, canda sectores socialistas (Xaime Quintanilla) e un galeguismo conservador, herdeiro de Alfredo Brañas.
O Manifesto coincide co remate da guerra europea e amosa  ser tributario da teoría da autodeterminación das nacionalidades do presidente USA W. Wilson e do impacto da rebelión nacional irlandesa (Easter Rising) de 1916. Os nacionalistas galegos acordan conquerir do “Goberno da Súa Maxestade” a autonomía integral de Galicia e mesmo presentar o seu caso perante a Liga de Nacións (daquela en constitución).
As propostas aprobadas amosan un grande coñecemento do País e una grande modernidade, polo que continúan en certa parte moi vixentes. Velaí a igualdade entre home e muller, o sistema electoral proporcional, a cooficialidade do galego, a supresión das Deputacións, a autonomía local, un autogoberno amplísimo que monopolizaría a asistencia social, a educación e todas as funcións administrativas e máis  a unión confederal ibérica de Galicia, Castela, Euskadi, Catalunya e Portugal.
Dende 1918 o galeguismo adquire a maioría de idade para ver Europa e o mundo por si propio, sen a intermediación española. Deste xeito vai formar a Tripla Alianza (1923) con vascos e cataláns frustrada pola ditadura primoriverista e converxer no Partido Galeguista (1931), motor do Estatuto aprobado no referéndum de 1936 polo voto de case o 74% do censo. 
As ideas de hoxe de grande parte da sociedade galega en canto á existencia dunha personalidade de noso, a lingua propia como valor, as avantaxes do autogoberno ou Galicia como medida de referencia conectan historicamente co xuntoiro de Lugo de 1918.

Cen anos de nacionalismo galego

Te puede interesar