Unha débeda con Maruja Mallo

Galicia ten unha débeda coa xenial pintora Maruja Mallo (Viveiro, 1902-Madrid, 1995). Malia que naceu na Mariña Occidental, as súas lembranzas eran da Costa da Morte, porque viviu na súa neneza en Corcubión cuns seus tíos. Nos anos 20 xurde como artista naquel Madrid da xeración do 27, canda Alberti, Lorca ou Dalí e amosa unha obra orixinalísima inserida nos vangardismos da época. Mais nos primeiros 30 amplía estudos en París, incorporándose ao surrealismo e partillando con Breton e Éluard. No 1936 botou un verán enteiro na Galicia tirando ideas para o seu Cuaderno de Galicia. Exiliouse no 1937 e pasou a Chile, Arxentina e USA para se establecer en Madrid no 1965, nunha cidade gris que tanto contrastaba con aquela cidade brilante dos 20 e 30. Morreu na mesma cidade no 1995, despois de recibir o afecto, mais non o cabal entendemento, de moitos dos referentes daquela movida madrileña dos 80.
Galicia ficou á marxe de todo recoñecemento á obra de Maruja Mallo, unha das melloras pintoras do século XX a quen sen dúbida lle rebaixou coñecemento a súa condición feminina, o delongado exilio e unha personalidade independente que quizais fixo medrar á personaxe e minguar á artista. Hai, claro, excepcións ( a exposición primeira do CGAC e a da Fundación Caixa Galicia, a exposición Mulleres do silenzo comisariada por Rosario Sarmiento, o documental Maruja Mallo, mitad ángel mitad marisco, de Antón Reixa para TVE ou a biografía dos historiadores Carlos Nuevo Cal e Emilio Xosé Insua Maruja Mallo, de prometedora pioneira a artista universal).
Malia os moitos anos que viviu, a súa obra non é esaxerada cuantitativamente. Quere isto dicir que podería ser obxecto de exposicións na Cidade da Cultura, canda outros artistas senlleiros. Que mellor ca unha mostra da mellor arte deste País para encher de contidos unha obra tan desaquelada, mais que está aí e compre aproveitármola.
Maruja Mallo é parte da historia da arte europea e o seu nome ficou asociado de vez cos mellores do surrealismo do Vello Continente. Como ten dito Rosario Sarmiento foi unha muller que loitou dende todas as frontes pola súa liberdade, por ser unha auténtica artista do seu tempo por riba dos atrancos, os prexuizos do seu sexo ou a definición feminina…

Unha débeda con Maruja Mallo

Te puede interesar