Os dereitos das minorías nacionais

 ai agora 87 anos, o 18 de setembro de 1933, Galicia foi recoñecida como nación polo IX Congreso de Nacións sen Estado e Minorías Nacionais da Liga das Nacións (SDN), precedente da ONU. Foi fulcral a intervención de Plácido Castro, secretario de relacións internacionais do Partido Galeguista e o apoio das entidades políticas e sociais catalás e vascas. Este organismo da SDN tendía nomeadamente a recoñecer o dereito ao autogoberno, á plena igualdade de dereitos civís e políticos e á xusta representación política destas nacións sen Estado e minorías nacionais, definindo amplos acordos que fixeran posíbel a convivencia plurinacional en varios Estados europeos.
Hai poucos días, o xoves 17-S, o avogado Gonzalo Boyé apelou á consideración de Catalunya como minoría nacional para alicerzar o seu recurso de casación perante o Supremo contra a condena o president Torra a unha pena de inhabilitación para o seu cargo por non ter cumprido o mandato da Xunta Electoral Central de tirar da fachada doa Generalitat unha lazada amarela.
A apelación ao concepto de minoría nacional é bastante novidosa a respecto da tradición dos nacionalismos, sempre defensores dun concepto de nación con dereito á súa libre determinación, consonte co Dereito Internacional (artigo 1 do Pacto Internacional de Dereitos Civís e Políticos), a doutrina da ONU e da SDN. Mais é moi eficiente en termos do Dereito Internacional e do Dereito da UE, nomeadamente no eido dos dereitos fundamentais. O artigo 2 do Tratado da UE alicerza ésta no respecto dos dereitos das persoas, mais tamén nos das minorías. No caso de Catalunya o seu president foi condenado por incumprir unha orde arbitraria da Administración electoral, pois que a lazada amarela non constituía ningunha violación do principio de neutralidade institucional, senón un simple exercicio da liberdade de expresión de propostas humanitarias. Os presos políticos sofriron un proceso cheo de irregularidades, mesmo desenvolvido por un Tribunal incompetente por razón do foro persoal. A Puigdemont e outros dous eurodeputados de JuntsxCat lles foi impedido temporalmente polo Estado o acceso ao Parlamento Europeo.
A apelación aos dereitos das minorías nacionais constitúe un reforzo do dereito a decidir de Catalunya. Porque, consonte coa doutrina da ONU e coa expresada pola Unión Europea no 1991 (a respecto da declaración de independencia das repúblicas bálticas), os pobos non suxeitos a colonización tamén son titulares deste dereito a decidir. E, diante dunha vulneración repetida dos dereitos fundamentais de grupos ou sectores sociais e políticos da minoría nacional, mesmo o exercicio deste dereito habería ser titoriado pola UE e pola ONU, dacordo coa doutrina que teñen decidido e ratificado até a data.

Os dereitos das minorías nacionais

Te puede interesar