O fracaso do Ingreso Mínimo Vital

O confinamento producido pola pandemia xerou a exclusión de millóns en todo o Estado e a UE, nomeadamente persoas que vivían de ingresos informais, persoas empregadas de fogar non protexidas e contratados temporais e eventuais, adoito a medio de ETT e empresas de externalización de servizos. O Goberno do Estado non reaccionou axiña, pois que dixo precisar tempo para deseñar un instrumento de integración social potente de xeito que “ninguén ficase atrás”. Velaí que até o 1 de xuño non se aprobara a normativa do Ingreso Mínimo Vital (IMV). Normativa xa bastante demorada, mais aínda a tempo de contribuir parcialmente a resolver o problema do grave incremento da exclusión social (xa de seu moi importante antes da pandemia). O Goberno do Estado tiña detectadas 75.000 persoas sen ingresos, titulares de prestación con fillo a cargo, que axiña lles foi concedida esta prestación en troques da que viñan percebindo. Calculaban que, para máis, existirían entre 700.000 e 1.000.000 de novos beneficiarios. Coa fin de agosto había máis de 700.000 solicitudes adicionais, si, mais só 4,000 foran aceptadas.

Velaí que o Goberno Sánchez deseñara mal este instrumento, esterilizándoo por mor de complexos requisitos condicionais, algúns sen sentido ningún, como os que: i) vetan ás persoas que percebisen no 2019 ingresos superiores á paga por prestacións de xubilación e incapacidade non contributivas, cando  non se están a resolver os problemas do 2019, senón os problemas xerados pola pandemia do 2019   e ii) vetan ás unidades familiares nas que un só dos seus membros desenvolvese funcións de administración de sociedades mercantís, cando  moitas persoas non poden cesar neses cargos pola falla dos recursos precisos para a liquidación de empresas que moitas veces levan sen actividade real catro, sete ou dez anos.

Para máis a xestión do IMV foi unha catástrofe. Porque o Goberno do Estado, por razóns recentralizadoras puramente ideolóxicas, non quixo cogobernar coas autonomías e concellos, que son as únicas que teñen medios para desenvolver esta tarefa. O Ministerio de Seguridade Social ficou cono un elemento extraño e fracasou o aparello administrativo estatal, ao lle sobardar cun traballo que só se podería desenvolver a xeito polas autonomías e concellos.

Alén deste fracaso xestor por mor de decisións recentralizadoras, cómpre sinalar que agravou todas estas circunstancias a falla de capacidade das Administracións Públicas (AA.PP.) todas para dixitalizar as súas actuacións,. O problema é que estamos a mallar en cidadanía que sofre a fenda dixital pola súa pobreza e exclusión, usando a tecnoloxía como murol no canto de axuda.

Son, pois, fracasos gravísimos de concepción e xestión que están a mover ducias de milleiros de cidadáns dun lugar cara outro con papeis que conteñen información que xa posúe o Goberno do Estado. E isto todo para nada.

 Cómpre, logo, unha inmediata reforma normativa que implemente unha Renda Social Básica temporal-despois definitiva- sen requisitos agravados de condicionalidade. Porque a xente ten que lle dar de comer aos seus fillos todos os días e pagar a lus e o teléfono móbil todos os meses. E porque estes recursos, ademáis de humanizar a vida, benefician inmediatamente  ao comercio e hostalería locais.

O fracaso do Ingreso Mínimo Vital

Te puede interesar