• Sábado, 22 de Septiembre de 2018

Gobernarmos as estradas

Hai dùas competencias que son fulcrais no artellamento do autogoberno galego, porque resolverían

Hai dùas competencias que son fulcrais no artellamento do autogoberno galego, porque resolverían moitos problemas e mellorarían o noso benestar: a competencia sobre a AP-9 (a autoestrada do Atlántico) e máis a xestión do tránsito nas nosas vías interurbanas, hoxe nas máns da DGT estatal.
A Garda Civil de Tráfico impón 147 multas por 1.000 habitantes no noso país, mentres que a media nos outros 13 territorios que xestiona (todos menos Navarra, Euskadi e Catalunya, nos que teñen transferidas as competencias e nos que actúa cadansúa policía autonómica) é de 85. É dicir, poñen 170.000 multas máis. Un lote de cartos que perdemos os galegos. Porque Galicia ten unha poboación espallada que precisa moito máis do transporte privado, tendo en conta a nosa carencia de servizos ferroviarios de proximidade.
No 2008 o vicepresidente Anxo Quintana (BNG) foi quén de artellar unha coalición nacional unánime co PP e PSOE no Parlamento de Galicia para acadar a transferencia das competencias de tránsito. En setembro do 2010 a pulsión unionista de Pepe Blanco, consentida polo ZP e pola abstención do PP, rexeitaba no Congreso de Madrid a proposición galega, coa indigna abstención do PP. Pedro Puy (PPdeG) e Xaquín F. Leiceaga (PSOE) non podían aturar a vergoña.
Precisamos dun sistema de regulación do tránsito que mire cara a nosa seguranza vial e non á recadación da DXT e do Goberno do Estado. E, tamén, dunha xestión galega da AP-9, orientada a liberalizar a peaxe na vía máis importante da nosa nación. Para máis, o normal sería, ao tempo, transferirmos a xestión do mantemento das estradas estatais. Cómpre transferir á Xunta, por nidias razons de economía e operatividade, todos os kms de estradas, que absurdamente aínda fican na xestión dun lonxano, incompetente e inoperante Ministerio de Fomento.
Velaí a necesidade desta transferencia. E para xestionármola contamos coa mellor policía territorial de Tránsito, os gardas civis, pero a estrutura xerárquica e militar da Garda Civil faina impracticábel para esta función. Porén, as bases legais do Estatuto e da Lei de Policia galega fan posíbel a xestión galega das estradas. Claro é que esta legalidade sería unha realidade se o presidente Feijóo e o vice Rueda actuaran na defensa dos intereses galegos e non desenvolveran a meritoriaxe unionista que desenvolven día a día.