• Jueves, 20 de Septiembre de 2018

Jimmy, Alsasúa e a lei do funil

Dende pouco antes da chegada do aznarato foi abrollando unha liña de opinión publicada

Dende pouco antes da chegada do aznarato foi abrollando unha liña de opinión publicada que cualificaba os actos de violencia en razón da súa intencionalidade política. Mais aínda, que defende, polo menos implicítamente, distintas respostas sociais e xurídicas a esta caste de violencia, segundo de onde veña. As organizacións Frente Atlético e UltraSur defenden ideas de extrema dereita, moi agresivas cos galegos, vascos e cataláns que non asumen o dogma da unidade de España. Un extremista atlético matou ao realista Aitor Zabaleta no 1998 e outros da mesma corda a Jimmy no 2014.
Cúmprense dous anos do asasinato de Jimmy no Manzanares coas pescudas xudiciais atoadas. O xuiz instrutor e o Ministerio Fiscal cualifican só a desputa tumultuaria e arestora non existen acusados do asasinato. As persoas acusadas que chegaron entrar preventivamente no cárcere, están en liberdade e só a acusación particular mantén a cualificación de asasinato, malia a calidade e intensidade da probas existentes. A prensa madrileña segue a manter equidistancia, como se os da casa fosen uns rapaces trabucados e os Riazor Blues uns perigosos terroristas. Por outra banda, dos sesenta expedientados pola Delegación do Goberno pola desputa son case todos seareiros do Dépor.
Contrasta esta actitude coa diferenza da intensidade na actuación no caso da agresión aos gardas civís de Alsasua. Sen dúbida un feito delictivo brutal, que ha ser severamente sancionado. Mais nunca un acto de terrorismo. A imputación dos feitos como acto de terrorismo permitiu que fose competente un dos Xulgados de Instrución da Audiencia Nacional, que acordou prisión preventiva para seis dos oito investigados. A Audiencia Nacional é unha xurisdición especial que vulnera o dereito constitucional de todas as persoas a seren xulgados polos seus xuices naturais. No caso destas persoas os xuices de Navarra. Sectores importantes das elites políticas, funcionariais e mediáticas incorporaron xa ao seu sistema de valores que toda persoa ou organización que non asuma o dogma da España única é distinta e mesmo sospeitosa, invertindo con eles a carga da proba, en clara aplicación da lei do funil.