• Lunes, 24 de Septiembre de 2018

Macron será o presidente

O réxime constitucional francés é bastante singular, non é presidencialista nin parlamentario, senón unha mistura de ambos os dous.

O réxime constitucional francés é bastante singular, non é presidencialista nin parlamentario, senón unha mistura de ambos os dous. O Goberno e o seu primeiro ministro precisan a confianza tanto  parlamentaria como a do Presidente da República. Esta dupla confianza marca o sistema: as eleccións presidenciais e parlamentarias fanse a dúas voltas, por cadanseus cinco anos e consecutivos temporalmente (as parlamentarias serán en xuño).
No primeiro round pasaron a peneira Emmanuel Macron (centro-esquerda independente ) e Marine Le Pen (Front National, neofascista).  François Fillon (dereita conservadora gaullista; seica arrentes do 19%) e Benoît Hamon  (Partido Socialista; 6,5%) , candidatos das dúas principais correntes políticas da V República ficaron fóra, porqué ningún dos dous candidatos, vencedores de cadansúas primarias, foron quen de integrar a pluralidade de cadanseu partidos nin aos precandidatos perdedores nas primarias. De feito o antigo primeiro ministro socialista, Valls, apoiou Macron desta volta.
O resultado é nomeadamente esmagante para o PS. O seu electorado, os millóns que votaron polo presidente François Hollande no 2012, liscou cara a plataforma independente En Marche de Macron (que non existía hai seis meses) e cara a plataforma de esquerdas do antigo ministro socialista Jean-Luc Mélenchon, que quitou preto dun 18% de votos e que foi, canda Macron, as sorpresas desta campaña, pois que dende hai meses ficou claro que Marine Le Pen pasaba o curte.
Fillon, Hamon e o secretario xeral dos comunistas pediron xa o voto para Macron, canda o actual primeiro ministro. Mélenchon non se ten pronunciado, pois que La France insoumise acordou decidir a súa escolla dende as bases. Non semella moi probábel que este voto migre cara Le Pen, mais si cara á abstención.
 Velaí que Macron conte con recursos abondo para gañar a segunda volta e acadar a Presidencia. Afastando o perigo dun french exit. Mais fican moitas dúbidas. En primeiro lugar se Macron obterá nas eleccións parlamentarias de xuño un grupo parlamentario potente de seu ou terá que cohabitar coa dereita gaullista e a esquerda insubmisa-. En segundo lugar, se haberá reflexión na centralidade sistémica a respecto da fonda desafección de millóns a respecto da Francia e da Europa de hoxendía.