• Martes, 25 de Septiembre de 2018

O unionismo no seu bucle

Hai so quince días anticipei nestas mesmas páxinas (“Aínda hai xuices en Berlin”)

Hai so quince días anticipei nestas mesmas páxinas (“Aínda hai xuices en Berlin”) o probábel rexeitamento da xustiza alemá á extradición de Puigdemont polo delicto de rebelión, á vista da redacción do tipo delictivo da alta traición no Código Penal alemán, que require violencia ou intimidación.
Mais semellaba que non, que Llarena fixera un traballo moi bó, que Merkel e Rajoy eran moi amigos e Alemaña un país serio. Puigdemont sería extraditado axiña.
Con ser moi ilustrativo o entusiasmo dos voceiros mediáticos do tripartito do 155 e demáis cobertura do unionismo diante da nova da detención do lider catalán, aínda foi máis salientábel a reacción ás novas xudiciais que viñeron do land alemán de Schleswig Holstein.
De súpeto abrollaron euroescepticismos e vellos complexos de inferioridade, con opinións non moi distintas do patrioterismo impreso na guerra de Cuba (1898) ou dos acenos illacionistas da España franquista de 1946 diante da retirada internacional de embaixadores.
De súpeto o acordo Schegen non serve, Europa non ten contido nin proxecto e os alemàns son supremacistas. Todo porque un Tribunal independente dun Estado democrático non acepta unha acusación orfa de feitos.
E, se non queres caldo, velaí van dúas cuncas. O Gabinete de Prensa do Tribunal Supremo informaba que o maxistrado Llarena podería prantexar unha cuestión prexudicial ao Tribunal da UE que paralisaría o trámite das euroordes en Escocia, Bruxelas e Alemaña, proxectando a idea dun recurso que é imposíbel, porque quen pode prantexar esta caste de cuestións son os Tribunais que coñecen das euroordes, non o Tribunal emisor das mesmas. Está moi clariño no artigo 267 do Tratado de funcionamento da UE.
Puigdemont conseguiu europeizar o procès e está a gañar a batalla da opinión pública europea. As manifestacións da ministra federal alemá de Xustiza (SPD) e de relevantes eurodeputados da CDU amosan que no principal Estado da UE a cuestión catalá xa non é unha cuestión interna do Estado español. Cómpre unha mediación internacional sen condicións previas e semella que esta mediación xa non é unha ocorrencia no cerne mesmo da Europa.