Quod erat demostrandum

Escrebín hai días a grande probabilidade que o Tribunal de Xustiza da Unión Europea (TXUE) recoñecese a cualidade de eurodeputado do preso político Oriol Junqueras dende o intre da súa elección, sen ningunha caste de promesas nin requisitos adicionais.  E mantiven esta tese na TVG hai poucos días fronte ao eminente catedrático de Dº Constitucional da Universidade de Santiago de Compostela, quen defendía a soberanía da lei electoral española para lles impor esa caste de requisitos adicionais aos eurodeputados elixidos no Estado español.

Quod erat demostrandum, como quixemos demostrar, o TXUE dixo que Junqueras é eurodeputado dende a mesma proclamación dos resultados das eleccións pola Administración electoral estatal  o 13.06.2019. Xa que logo, dende esa data desfrutaba de inmunidade parlamentaria.

Que efectos ten esta sentenza do TXUE?  Para a corrente maioritaria publicada en Madrid, Junqueras xa foi condenado por sentenza definitiva do Tribunal Supremo (TS)  e, xa que logo, a súa irregular estadía no cárcere como preso preventivo entre o 13 de xuño e o 14 de outubro deste 2019 xa está convalidada pola sentenza, aplícase  esa tempada a pagar a pena total e non hai máis que dicir. Mais mesmo esta corrente recoñece que Puigdemont, Comín e Ponsati, procesados en rebeldía, adquiriron a súa inmunidade parlamentaria o 13 de xuño, o que supón que non poidan ser encarcerados nin continuar o seu axuizamento sen a aprobación expresa do Parlamento Europeo.

Porén, outra corrente interpreta o Dereito moito máis consonte co principio democrático e considera que a sentenza de 14 de outubro é nula de pleno Dereito a respecto de Junqueras, por mor da súa inmunidade dende o 13 de xuño anterior. De feito, o TXUE dille ao TS que si quería prorrogar o cárcere preventivo dende o 13 de xuño habería pedirlle ao Parlamento Europeo o seu plácet. Porque non agardou o TS ditar a sentenza de Junqueras á resposta do TXUE  á súa cuestión prexudicial?

 Para rematarmos esta xeira dúas conclusións de lóxica democrática: i) modifiquemos o Dereito electoral e os Regulamentos parlamentarios para facer efectivo o principio legal declarado pola TXUE: ningún concelleiro ou deputado precisa xurar nin prometer nada para adquirir a súa cualidade de representante cidadán e ii) avaliemos as avantaxes de pertencermos a unha comunidade de Dereito como a UE, que corrixe cando cumpre aos Tribunais e Autoridades de calquera Estado da Unión.

Quod erat demostrandum

Te puede interesar