Recuperarmos a cordura

índa hai xuices en Berlin, como dis que dixo o vello rei prusiano Friedrich Wilhem II. Ou, tratándose da federal Alemaña, aínda hai xuices en Kiel, porque o caso da extradición de Puigdemont, como non podía ser doutro xeito nunha democracia que respecta o principio do xuiz ordinario predeterminado pola Lei, foi coñecido polo Tribunal Superior do land de Schleswig-Hollstein, onde o president foi deatido. No Estado español coñecería do asunto a disfuncional e inconstitucional Audiencia Nacional fose onde fór o lugar dos feitos. E logo aínda din os unionistas que o Estado español é o máis descentralizado da Europa.
Os xuices de Kiel rexeitaron a extradición de Puigdemont polo delicto de rebelión, ao considerar que a súa conduta non podía ser considerada análoga a do delicto análogo na Alemaña, o da alta traición, pola manifesta falla de violencia e/ou intimidación na conduta do dirixente catalán.
Pura cordura, puro Dereito… Fronte esta decisión Puigdemont pode recorrer perante o Constitucional alemàn (pola extradición acordada polo delicto de malversación), o Reino de España non. Tampouco pode Llarena prantexarlle unha cuestión prexudicial ao Tribunal da Unión Europea. O tempo procesual xa pasou e a lexitimación activa non é do Tribunal que pide a euroorde, senón do que é competente para resolvela. Llarena só pode retirar a euroorde, como especulan case todos os medios de Madrid, mais esta decisión poría á xustiza española a níveis máis propios de Somalia ca de Turquía. De seguro que é o plan A de Llarena, mais non é probábel que o leve adiante.
En realidade, a oportunidade agora é para que a Fiscalía Xeral do Estado reaxa, retire as acusacións por rebelión e sedición, cualifique procesualmente polos eventuais delictos de desobediencia e pida dos maxistrados instrutores da AN e do TS a liberdade dos presos políticos.
Porque estes presos políticos constitúen, nesta altura, reféns que impiden unha negociación bilateral entre o Estado e Catalunya. Porque se ben é verdade que cómpre dialogar de todo e facer o posíbel por amornecer o conflito con reféns non se pode negociar. Mentres haxa presos políticos en Catalunya non se poderá negociar a serio.
Ao mellor a decisión dos xuices de Kiel é unha fiestra de oportunidade para recuperarmos o sentidiño, o seny, o sentido común…Para recuperarmos a cordura.

Recuperarmos a cordura

Te puede interesar