Os roubos non reparados do franquismo

O peche en falso da ditadura franquista por mór da transición dos anos 70 determinou que non se repararan os roubos do franquismo á cidadanía, mesmo que millóns de persoas descoñezan a existencia. Nos primeiros meses posteriores á rebelión facciosa de 1936 incautáronse na Galicia bens e grandes sumas de diñeiro de persoas e familias non afectas ao golpe de Estado. A primeiros de 1937 o réxime franquista institucionalizou estes desapoderamentos ilegais. O sistema evoluiu até o desapoderamento deseñado polas Leis de Responsabilidades Políticas) e de Represión da Masonería e do Comunismo.
Moitos galegos foron desposuídos dos seus bens e diñeiro de xeito ilegal e aínda non foron reparados. Velaí o caso do secretario do Concello d’A Coruña, Joaquín Martín (republicano centrista) condenado á morte e executado o 31 de agosto de 1936. A responsabilidade civil derivada da condena ascendeu a un millón de pesetas da época. A súa viuva, filla do esgrevio coruñés Médico Rodríguez, aínda pregaba lastimeiramente da ditadura no 1954 que lle levantasen o embargamento sobre os bens herdados do seu home. Outros casos salientábeis foron os do deputado republicano Miñones Bernárdez (principal accionista da Electra Popular, logo adquirida de saldo pola Fenosa de D.Pedro Barrié) ou do secretario de Relacións Internacionais do Partido Galeguista Plácido Castro.
No resto do Estado o despoxo incrementouse coa anulación do valor de todo o papel moeda emitido polo Goberno da República española posterior ao 1936, o que supuxo a incautación de inxentes cantidades de diñeiro emitido contra das reservas de ouro da República.
Dende 1987 aplicouse unha lexislación orientada á devolución dos bens incautados ás organizacións sindicais e políticas, da que se beneficiou nomeadamente a UGT e da que sairon perdendo a CNT, o Partido Galeguista e o PNV, que nunca recuperou a súa sede parisiên onde hoxendía se atopa o Instituto Cervantes. Mais nunca nada se acordou para as familias e empresas desposuídas, como si se fixo na Alemania postnazista e na Italia postfascista.
Velaí a xustiza da proposición non de lei que veñen de presentar varios partidos no Congreso para que sexan reparados os roubos do franquismo ás persoas e entidades privadas. Porque compre, si, que pasemos páxina. Mais non sen lela antes.

Os roubos non reparados do franquismo

Te puede interesar