Sentenza ideolóxica contra o galego

A mesma Sala do Supremo que rectificou a súa doutrina para impedir que os bancos pagasen o imposto de actos xurídicos das escrituras notariais ven de fixar xurisprudencia a respecto do uso do galego nas administracións locais declarando a ilegalidade de determinados contidos da ordenanza lingüística que o Concello de Lugo aprobara no 2012 por unanimidade de todos os seus concelleiros. 

A sentenza consolida unha interpretación restritiva da oficialidade da nosa lingua, consagrada no Estatuto e na Lei de Normalizacion Lingüística, segundo a que os usos oficiais do galego haberán ir sempre acompañados do uso da lingua castelá, mentres que o uso desta por si mesmo non requiriría o da nosa lingua. Un rol subordinado que minoriza o galego, vulnera o dereito a vivirmos na nosa lingua e afástase da interpretación constitucional correcta consonte aos tratados internacionais asinados polo Estado español.

Velaí que, malia as dificultades que determinan o exercicio desta caste de acción xudiciais, o Concello de Lugo habería recorrer en amparo esta sentenza perante o Constitucional e habería esgotar o preito, se cómpre, até o Tribunal Europeo de Dereitos Humanos, na percura dunha doutrina xurisprudencial dos dereitos fundamentais que integre os dereitos lingüísticos.

Verdadeiramente grave, dende os parámetros xurídico e político, é a confusión xudicial entre o dereito ao libre uso do castelán e das limitacións deste dereito nas relacións xurídicas de suxeición especial a respecto das persoas empregadas públicas e das empresas contratistas e concesionarias, que haberían ser gravadas cunha obriga de uso que se anula. Teñen os empregados públicos e os xestores dos servizos públicos un dereito a non usar o galego no prexuizo dos usuarios?  É unha conclusión absolutamente desaquelada e regresiva.

Existe no noso País unha minoría supremacista (na que sobrancea a organización que recorreu esta ordenanza) que quere impedir o uso normalizado e oficial da nosa lingua. Unha minoría cativa, mais que inflúe en determinados ámbitos da opinión, da política e da xudicatura e que conecta cunha corrente do nacionalismo españolista que quere reverter as tímidas melloras legais e sociais que acadou a lingua, a cultura e o autogoberno nos últimos corenta anos. Son momentos, pois, de reaxir e acadar consensos para garantir máis galego e , sobre todo, pleno respecto aos nosos dereitos como falantes e utentes da nosa lingua propia.

Sentenza ideolóxica contra o galego

Te puede interesar