sábado 30.05.2020

Unión Europea: unha crise de sobrevivencia

A Unión Europea (UE) enfronta a peor crise sanitaria e, en moi poucas semanas, económica dende a fin da segunda guerra mundial. E fronte este repto excepcional amosa falla de capacidade de ollar lonxe, de liderado e de comprensión da excepcionalidade. Velaí que abrollase até de agora, unha resposta lenta, torpe e desartellada.

Malia todo, algúns dos erros iniciais foron resoltos. O Banco Central Europeo (BCE) decidiu un programa de merca de activos públicos e privados por 750.000 M de euros, que mobilizaría 1.100.000 M de euros. Revogouse a desaquelada prohibición alemana de exportación aos outros Estados da Unión de material sanitario. E suspendéronse dos límites do déficit a cumprir polos Estados. Unha suspensión que o Goberno do Estado non trasladou aínda ás Administracións autonómicas e locais para que éstas resolvan as súas necesidades sanitarias, sociais e de compensación e reactivamento económico.

Mais a UE vive na división a respecto de medidas urxentes  fronte á crise sanitaria que sofrimos, como a mutualización da débeda pública (eurobonos) e mesmo do seguro de desemprego. Medidas que compensarían a falla de resposta dos Estados no eido da política monetaria, reservada ao BCE e ás facilidades comerciais da industria alemana. Mais a fenda entre as Institucións comúns (Parlamento e Comisión europeas) e os Estados da Europa meridional, Eslovenia, Irlanda e Luxemburgo fronte Alemaña, Austria e os Países Baixos é moi grande.

Tamén é relevante a fenda entre Estados grandes (Alemaña, Francia, Italia e o Estado español) e medianos e pequenos canto á necesaria integración de todas as diplomacias e exército europeos en ferramentas públicas comúns.

Estes días de pandemia amosan tamén tres reptos fundamentais da nosa Europa son i) a reindustrialización, ii) a aposta tecnolóxica e máis a iii) autonomía alimentaria. 

Canto á reindustrialización semella evidente que non podemos estar pendentes de complexas cadeas de distribución a respecto de producións industriais para as que somos (quizais só polo de agora ) perfectamente eficientes en capacidades humanas e técnicas.
No queatinxe á intensificación tecnolóxica europea repenico a opinión recentísimamente publicada polo economista galego Marcelino F. Mallo. A Internet das cousas, os big data e a intelixencia artificial, os blockchain haberían multiplicar as posibilidades da telemedicina, mesmo en poucos meses. Unha telemedicina que está a ficar á marxe desta crise sanitaria europea.

Para rematar, cómpre posibilitar a autonomía alimentaria. Europa precisa do pulo á produción e consumo alimentario de proximidade para garantir a subministración local de alimentos, afortalar a economía local e non depender de fráxiles equilibrios loxísticos.   

Ou a UE reaxe ou de vagariño deixará de existir, como deixou de existir o Imperio romano. 

Comentarios