Carnaval político

ematado este toleirán febrero do 2019 no que se alcanzaron temperaturas por riba dos 30 grados en algunha poboación española, en Galicia ata os 27.
Como verán o clima a nivel mundial está totalmente desfasado, saído de nai. Desfasado e tolo, como están moitos gobernantes que consinten que os donos das grandes industrias pensando en amasar diñeiro, tantas veces manchado de pezoña e sangue, contaminado, envelenado e facendo que as estacións xiren a destempo, que de seguirmos así, co egoísmo da xente tola que fai tolear o Mundo, levaranos a un “mañana será tarde”.
Recordando a D. Antonio Machado no oitenta aniversario da súa morte no ano 1939, exiliado na cidade francesa de Colliure, onde repousan os seus restos mortais, permítanme unha estrofa do seu poema “Recuerdo infantil”, recollido do libro “Antologías poéticas” do comprometido autor: Yo voy soñando caminos / de la tarde ¡Las colinas / doradas, los verdes pinos/ las polvorientas encinas!... / Adónde el camino irá?
Nestes tempos convulsos, de tensión política e social que estamos a vivir. Nesta feira de vaidades, prepotencia e mentiras, a cada cal máis grande, coma as bandeiras, pendóns, pancartas e lazos.
Explosivas mentiras e contradiccións que a cotío escoitamos nos parlamentos, en mitins e entrevistas que fan pensar, aos que pensamos, como é ou foi posible que semellantes persoeiros sexan ou queiran ser, dirixentes dun país que anhela viaxar por Europa e por todos os continentes, nos vagóns dianteiros do tren do progreso!
Cada quen conta a máis gorda mentira para tratar de engañar. A promesa máis falsa, xa cen veces contada. Intentan burlarse de nós como se fosemos parvos. Ás veces lógrano. Outras levan cun canto nos dentes. Dependen da intelixente decisión que encamiñe o noso voto.
Imos ter un ano “movidito-movidito”, do que podemos quedar con tal noxo dos políticos, que non da sacra política, que nos pode quitar as ganas de nos achegar ás urnas a cumplir co noso deber de cidadáns e cidadás, que sería o peor que poderiamos facer. Sábeno ben, e nos tamén. O poder está no voto.
Vemos e veremos ao típico “sheriff matón” desenfundando a súa arma letal, a ira e a mentira defendendo a razón da forza. Os miñaxoias que semellan non romper un prato insultando aos adversarios políticos con fermosos adxectivos descalificativos, que xa os descalifican a eles ao mesmo saír das súas bocas. Palabras, frases, locucións, das que unha gran maioría de cidadáns sentimos vergonza allea. Meus pobres, ao que hai que chegar para saír na foto.
É normal que vaiamos cansos e anoxados de tantos politizantes que entenden a política como un medio de benvivir, e peor aínda, de explotar (roubar) aos cidadáns e ao País-Estado. De xente que intenta mercar as nosas ideas por un prato de comida. Perdoen diga o que sinto:  indecentes, políticos de “tres por un”, egoístas, maleducados cuxa intelixencia habería que valorar nun test de capacidade formativa, coma os que se fan para calqueira outro posto de traballo.
E, por suposto, non xeneralizo. En todos os partidos hai persoas dignas, intelixentes e traballadoras que defendendo as súas ideas, son merecentes de ser votados e  ben valorados polos seus votantes e polos votantes opositores.
As calidades de cada quen se reflexan a curto prazo no seu proceder de diálogo. O diálogo e o consenso son imprenscindibles para ben gobernar unha familia, unha sociedade, un concello, canto máis un país.
Sen dúbida algunha, anque moitos non o ven así, para que un Estado funcione ben é preciso contar con gobernantes comprometidos co conxunto da cidadanía; principalmente con aqueles que máis o necesiten. Resolver os problemas da sociedade. Cumprir as promesas. Ser valentes e saber dicir as verdades. Equivoqueime. Equivocámonos. Non culpar aos non culpables. Pedir disculpas non é vergonza, é cousa de xente sensata e honesta.
Falan de poñer cordón sanitario, de non pactar con x ou con z, cando chegado o momento para poder gobernar pactan e convenian co mesmo Lucifer, se tivera grupo político acreditado. Son “laleche”. Ás veces, coma parvuliños. Neste tempo, ano de eleccións os bombardeos asamblearios vendendo a burra, van ser constantes e aburridos. Un martirio para oídos sensibles. Claro que non é obrigatorio sufrilos. Todos queren gobernar, ter poder. Uns coa intención de levar o país cara adiante. Outros coa de facelo recuar medio século.
A clase traballadora, activa ou pasiva, debemos meditar e sopesar ben o noso voto. Votemos con conciencia de clase. Temos o poder de votar, para poder esixir.
Éme imposible rematar este artigo sen recordar a Rosalía de Castro, a figura máis representativa e simbolizadora da literatura galega, no 182 aniversario do seu nacemento: Pasan n´aquesta vida / Cousiñas tan extrañas / Tan raros feitos vense / neste mundo de trampa; / Tantos milagres vellos / Tan novas ensiñanzas, / E tan reboltos allos / Con nome d´ensaladas, / Que non che digo nada… / ¡Pero vaya!
Mil gracias Rosalía, poeta radical, naqueles tempos, que xa é decir. De profunda raíz. Defensora da muller e da Terra Galega.

Carnaval político

Te puede interesar